Telecomunicacións fronte ao Covid-19

Xavier Alcalá Navarro A TRIBUNA DO EXPERTO

MERCADOS

Antonio Lacerda

O fluxo de datos do WhatsApp medrou máis dun 70 % nos últimos días, mentres que a TDT vén de rexistrar o pico máximo de audiencia da súa historia. A crise do coronavirus está a poñer a proba a resistencia das redes e a dos profesionais encargados de mantelas activas. Mais non é so lúdico o papel que as telecomunicacións están xogando nesta batalla. A resposta sanitaria depende en boa medida delas, pola estreitísima vinculación que a medicina moderna ten hoxe cos fluxos de datos

12 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia do Covid-19 é a primeira que enfronta o mundo na era da información, do cal é particularmente consciente o colectivo dos enxeñeiros de telecomunicación de Galicia, pois traballa con tecnoloxías transversais para a sociedade, como neste intre se pon de manifesto. Os humanos teñen unha necesidade innata de fabular -contar e relatar- que estoura en situacións extremas. Inicialmente fabulábase de boca a oídos, mais logo se inventaron o debuxo, a pintura e a escrita coa intención de levar o fabulado lonxe no espazo e no tempo.

No século XIX xurdiu o fenómeno tecnolóxico que deu comezo á globalización: a telegrafía, un sistema de envío de mensaxes alfanuméricas que mesmo atravesou os océanos con cabos submarinos. As sociedades avanzadas comezaban a depender das telecomunicacións.

A principios do século XX virían a telefonía e a radiotelegrafía; e en 1920 iniciouse a radiodifusión de palabra e música. Neste 2020 conmemórase o centenario da titulación oficial de Enxeñería de Telecomunicación en España. Os titulados dedícanse a deseñar, fabricar, xestionar e manter equipos electrónicos e redes, de medio confinado (cabo) e aberto (radio).

A televisión estendeuse polo territorio español durante o desarrollismo -anos 60- do século pasado. En paralelo, acelerouse a cobertura das redes de telefonía e do télex (telegrafía avanzada, con terminal na oficina do cliente). A avidez polos medios de telecomunicación ía creando unha socioeconomía adicta a eles.

Nas décadas seguintes as máquinas lóxicas accederon aos servizos de telecomunicación. As persoas seguían fabulando, as máquinas comunicábanse con linguaxes especiais, afastadas das humanas. As primeiras cátedras de Electrónica e Informática de España creáronse nas escolas de telecomunicación polo que, inicialmente, os formados nelas foron os responsables de introducir autómatas e ordenadores nos sistemas produtivos.

Polos anos 80, as sociedades eran totalmente dependentes de dous tipos de redes que en Portugal se clasificaron como de «correntes fortes e correntes fracas». Desa época son os primeiros protocolos de actuación conxunta ante emerxencias de redes eléctricas e de telecomunicación: as eléctricas funcionaban grazas ás de voz e datos.

Volvendo á fabulación -que domina toda actividade humana-, lémbrese o intento de golpe de Estado de 1981: España viviu pendente da radio e a televisión; o uso da telefonía e o télex disparáronse. Falta por contar a intrahistoria do acontecido a noite do 23F desde o punto de vista dos técnicos encargados das telecomunicacións...

Case corenta anos despois, estamos a vivir (parafraseando a Celso Emilio Ferreiro) unha «longa noite do virus»; e de novo cumpriría relatar as vivencias das persoas responsables de que os sistemas telemáticos non se veñan abaixo.

Hoxe as telecomunicacións e a informática penetran ata os recantos máis escuros da actividade persoal e económica. A crise do Covid-19 sorprendeunos pola súa magnitude cando se avanzaba no despregamento das redes celulares da quinta xeración. Un obxectivo desa 5G é a Internet das cousas (para que aparellos de todo tipo poidan conversar). Son incontables os aspectos da vida nos que nestes días se revelou a importancia das técnicas telemáticas, mais poderíanse salientar algúns notorios: a sanidade, o traballo, a docencia, a fabulación e a distracción.

A sanidade moderna baséase en sistemas informáticos que funcionan con redes físicas. A información circula polas redes hospitalarias conectando máquinas fixas e dispositivos móbiles. Entre esas máquinas cóntanse os aparellos biomédicos cuxo funcionamento é crítico: os das ucis e os de análises clínicas para probas da infección. Da telemática son igualmente dependentes, e vitais para evitar contaxios, a telemedicina e a teleatención domiciliaria (monitorización de doentes illados e seguimento tras da alta).

Sobrecarga das redes

O teletraballo e a teledocencia implican un incremento do uso de capacidade das redes que transportan voz, datos alfanuméricos e información icónica, non animada e mesmo animada. Tal sobrecarga repercute nas redes de radio móbil e nas de cabo (hoxe mormente de fibra óptica), chega á Internet e alcanza os servidores da web. Nesas actividades faise uso de telefonía, videoconferencia, accesos á web, correo electrónico e transferencia de arquivos de datos coa nube. Complementarias para a información profesional son plataformas e aplicacións propias en orixe da fabulación: Facebook, WhatsApp, Instagram...

As compañías operadoras revelan que o peche doméstico disparou a demanda de capacidade de transmisión. Alén dos usos xa mencionados, apúntase aos de programas de televisión por cabo, videoxogos en rede e audiovisuais transmitidos por fluxo continuo (streaming): o público abusa deles confundindo a radiodifusión, que admite infinitos receptores ao tempo, coa telecomunicación cliente-servidor, punto a punto.

Se a relación entre persoas non pode ser directa, estas logo recorren ás telecomunicacións; paralelamente, o confinamento leva á procura de lecer. Os operadores detectaron aumentos de máis do 70 % no fluxo de datos por WhatsApp e picos de audiencia da TV por cabo e a TDT entre os máximos do historial; por petición dos gobernos, Netflix, Amazon Prime e Youtube rebaixaron a calidade visual dos seus produtos e, por tanto, a taxa de consumo de bits por cliente.

Pandemia de datos

Da presente crise dedúcese que medios físicos, lóxicos e humanos ao servizo das empresas de telecomunicación están a conseguir o que se lles pide: que as redes soporten sobrecargas evitando saturacións e, no caso de fallo, se recuperen axiña. O sector está a sufrir a súa propia «pandemia de datos» e, tanto dentro como fóra del, albíscase unha recomposición das formas de traballo, con diminución do presencial e aumento do telemático.

O Mobile World Congress foi unha vítima temperá do Covid-19. No eido profesional comentouse que a ausencia de grandes empresas chinesas en Barcelona, xustamente cando ían mostrar as súas capacidades de cara á 5G, daba folgos a fabricantes de equipamento e aplicacións da UE e dos EE. UU.

Sinistra coincidencia e pensamentos ruíns para a competencia leal. Ora, bo sería que, ante o que estamos a sufrir, os países onde xurdiron os avances históricos das telecomunicacións recuperasen as súas capacidades de investigar, aplicar, deseñar e fabricar: na era dos datos masivos e a intelixencia artificial, a información é unha commodity, un ben primario, como antano soamente foi a enerxía eléctrica.

O noso colectivo profesional sentiríase moi honrado de poder colaborar coas Administracións na planificación das TICs despois da crise do coronavirus. A vida vai seguir, e, con ela, o empeño de loitar telecomunicando contra todo tipo de ameazas para a humanidade: a total transformación dixital da sociedade é o desafío, grande -mais ineludible- na nosa contorna pola dispersión e o envellecemento da poboación. Contra a Galicia baleira, telecomunicacións.