MARINA MAYORAL PÁXINAS SOLTAS
01 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Dúas rapazas dunha pequena cidade asasinaron a outra para facerse famosas. O desexo de fama é un dos máis arraigados e eu diría que máis lexítimos do ser humano, porque está vinculado ó desexo de deixar memoria do paso pola vida. É como unha sinal de que o noso nome pasará á posteridade. É un consolo fronte ó medo á morte e á desaparición absoluta. Nas Coplas a la muerte de su padre, Jorge Manrique fala da sona de bon cabaleiro de seu pai como de algo positivo que non debe ser desprezado. A fama pode ter algúns inconvenientes, dende logo, pero, como dixo Woody Allen, tamén é agrabable que che atopen mesa nun restaurante por moi cheo que estea. E, deixando a parte ironías e vantaxes materiais, tamén é conmovedor que a xente che escriba ou te pare na rúa para darche as gracias polo teu traballo, por cómo pintas, escribes, cantas ou fas música ou cine. Eso compensa de moitos momentos de desánimo e de dúbidas. Todo esto é o que chamariamos a boa fama, ou sexa, a que se consegue facendo algo que a sociedade considera bo. É unha especie de recompensa polo talento, á virtude ou ó esforzo. Pero a fama pódese converter en algo desexable por si mesma, independentemente das acción de que depende. E esto é o perigoso. No século dezaoito os ilustrados recomendaban non poñer en escena vicios porque podían incitar ó público á imitación. E iso é o que hoxe está a ocorrer. A xente non arela ser o doutor Fleming ou Teresa de Calcuta porque eso supón unha vida de sacrificios. Tampouco pode ser Picasso, Kim Basinger ou Tom Cruise porque a natureza lles negou eses dons. Pero poden intentar ser calquera dos asasinos ou maleantes que aparecen cada día nos xornais. E ese é xusto o caso das dúas rapazas de San Fernando. Trátase dun crime tan vello como os homes. Xa na Grecia Clásica un pastor plantou lume ó Partenón para deixar así memoria do seu nome. Os xuíces ordenaron que non se escribise ese nome para que non poidera cumprir o seu propósito. Non sería mala idea suprimir dos medios tantas referencias morbosas a crimes e desórdenes, para evitar que xente nova e de poucas luces caia na tentación de facerse famoso por ese atallo.