ÁREA DE SERVICIO / Antón Reixa
01 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Gustoume Torrente, el brazo tonto de la ley. Gústame Torrente-2. Creo que Santiago Segura é un expoñente claro do que se dá en chamar cine de autor. Creo que a película ten valores positivos. Incluso alternativos. Poucos sarcasmos tan directos e contundentes contra Franco teño visto como a parodia do can con diarrea e consumidor de anfetaminas que se chama Franco. Evidente pero eficacísimo o gag de Gabino Diego cando, morto o can, di. «Franco ha muerto». Desmitificadora, liberadora e intelixente a ironía desinhibida sobre a monarquía a partir dun retrato real nunha barra americana. Válidos tamén os códigos de ensinar por contrarios a partir do racismo de Torrente e da súa insolidariedade brutal co neno minusválido. Creo que a comedia é un dos xéneros máis difíciles en todas as artes e, sen embargo, Segura lógrao, como tamén a recompensa maioritaria da gargallada de máis de tres millóns de espectadores. Penso que Santiago Segura é un bo rapaz, un chavalote sincero, porque é basicamente igual agora que hai máis de dez anos, cando era un ninguén simpaticote nos circuitos marxinais de curtametraxes e festivais de cinema de terror. Digo todo isto porque me gratifica ter un argumento socialmente contrastado fronte os bempensantes reaccionarios que meten nun mesmo lote a píldora do día seguinte, a kale borroka, Gran Hermano ou a polémica sobre o disurso do Rei no Cervantes. Tamén fronte a intelectualidade pelma e decadente, seudoreivindicativa, que renega da cultura de masas a cambio da súa propia comodidade minoritaria. Consumo e traballo un cinema moi diferente pero valoro isto en Segura e non me importa dicilo, aínda que sexa por molestar.