PRESIDENTES CULTOS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

31 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O outro día, despois da cerimonia de investidura de Carlos Fuentes como doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, un grupo de amigos fomos cear con el para celebrar o acontecemento. O novelista mexicano é un home que ten vivido moito, que coñeceu a moita xente e que posúe un riquísimo anecdotario, ademais de que conta as cousas moi ben. O éxito da velada estaba, polo tanto, asegurado. De maneira que pasamos un par de horas moi agradables, falando o mesmo de Trotsky, por exemplo, que do presidente Clinton. Do revolucionario ruso pouco nos queda por saber, se descontamos os labirintos da conspiración tecida por Stalin coa complicidade de comunistas de todo o mundo, que rematou coa morte daquel home precisamente en México, a mans dun español. Aínda hai uns anos, tal como nos contou Fuentes, ó pintor David Alfaro Siqueiros, que participou naquela historia, unha escritora trotskista, xa bastante maior, correuno a patadas nun hotel. De Clinton, pouco se sabe, a non ser eso que sabemos todos, pero que oculta a verdade dun personaxe difícil de coñecer. Carlos Fuentes comeu con el na Casa Branca, acompañado de García Márquez e William Styron. Deixounos asombrados pola súa inmensa cultura, que incluía o recitado de grandes partes de El Quijote, así como de párrafos e máis párrafos das novelas de Faulkner. O curioso foi cando lles dixo, a preguntas deles, que non podía exhibir esa cultura en público porque ós americanos non lles gustan os presidentes cultos. Se é así, agora estarán felices, pois seguro que Bush non os vai decepcionar. Nin en privado.