A ÚNICA esperanza que nos queda aos que asistimos impotentes a esta guerra que finalizou é que os seus responsables -Bush, Blair e Aznar- poidan ser, algún día, procesados e xulgados polo Tribunal Penal Internacional ou por algunha outra instancia semellante (e aínda inexistente). Sobre todo, porque esta guerra foi unha demostración de barbarie, de irracionalidade, de inhumanidade, de represión, de imperialismo e de ilegalidade, na que, amais da poboación civil, os propios xornalistas, perigosos transmisores do que sucede, foron obxectivos militares. Parece que a guerra finalizou. Por suposto, finaliza o máis visible da guerra, as grandes ofensivas, pero quedan aínda as guerrillas, as pequenas escaramuzas, a inestabilidade e, sobre todo, unha postguerra de pesadelo para a poboación civil iraquí. Agora, logo da borracheira das bombas, é cando a guerra se fai realmente visible e, sobre todo, palpable e tanxible coma a pel desgarrada dun raposo do deserto. E ao resto dos habitantes do planeta, como resultado da acción dese inspirado, ignorante e diminuto deus chamado George Bush e dos seus aliados, espéranos un mundo fragmentado, moito máis tenso, resentido, con acento anti-americano, co integrismo islámico, agora si, en pé de guerra, e unha permanente ameaza de intervención militar alí onde a ese deus da ignominia lle pete un día de mal espertar. Se cadra, mañá mesmo, o americano Bush tose e cospe sobre Siria. Mentres tanto, Wall Street autorregúlase e enchufa as pilas co cheiro ao sangue dos iraquís mortos. Ana Palacio é hoxe representante dunha dereita incívica. Porque a cuestión non é que esteamos gobernados pola dereita senón a tradición coa que esta dereita española (incluída a nosa versión autonómica) está vencellada ó franquismo. En tanto o perfil do liberal humanista, como o do ex ministro Pimentel, é minoría ou abandona o PP, o legado do franquismo afiánzase, afogándonos cunha perversa doutrina que leva o apelido da censura, da manipulación, da infamia, da insensibilidade e do comportamento antidemocrático.