Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Manuel Aznar Soler

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

16 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

É CATEDRÁTICO de Literatura Española na Universidade Autónoma de Barcelona. É un home dunha información excepcional e dunha gran honestidade, cualidades que axiña o situaron no campo real para se decatar que a maior parte da intelectualidade española tivera que ir ao exilio, e que en España estudábase unha literatura española sen contar cos autores que tiveron que fuxir do franquismo, o que non pasaba de ser unha falsa historia da literatura española, que se impartía nos 40 anos mouros que todos temos padecido. Manuel Aznar Soler foi un pioneiro desta labor que desenvolveu dende a súa cátedra universitaria, onde formou un equipo de profesores e estudantes dedicados a estudar a literatura española do exilio, equipo que se coñece como GEXEL. Non imos facer acó unha relación dos moitísimos traballos que ten feito Aznar Soler personalmente e dentro deste grupo de traballo con esa orientación. Quero sinalar só que o primeiro estudo que se ten feito do teatro de Rafael Dieste débese a Aznar Soler, o que fala por si só como están as cousas na nosa terra, ou máis ben como estaban, pois hoxe co esforzo solitario, e en xeral silenciado, de moi poucos profesores, algo se vai facendo. A organización de conferencias e actos diversos para divulgar a literatura do exilio contou en todo momento con Manuel Aznar. Os congresos sobre «Os escritores do exilio republicano» que se fixeron por toda España no ano 1999, co subtítulo de «Sesenta anos despois», o primeiro dos cales empezou en Santiago e o derradeiro celebrouse en Francia a carón de Antonio Machado en Colliure, débense a este profesor, así como as actas publicadas nun volume de 18 tomos con máis de 15.000 páxinas, co tema do exilio en conferencias e mesa redondas, o que supuxo unha labor inxente que se lle debe a el. Da súa creación é do que hoxe está publicando a Biblioteca do Exilio, que estuda non só a literatura, senón que se extende a outros sectores dos desterrados. Esta Biblioteca do Exilio, que xa ten publicados trinta títulos, afortunadamente, Galiza non está ausente dela. O pasado venres, Manuel Aznar Soler pronunciou unha conferencia no I Foro Internacional do Exilio que está celebrando a Fundación Luis Seoane, organizado pola súa directora Silvia Longueira e dirixido por María Antonia Pérez e Ramón Villares Paz. A conferencia de Aznar Soler foi precedida por unha de Xosé Luís Axeitos, que falou sobre o caso de Luis Seoane no labor editorial dos exiliados en América, que como todas as cousas que fai o noso Axeitos tivo ese rigor excepcional do seu saber ben documentado; mais hoxe tócanos falar de Manuel Aznar Soler. A conferencia de Aznar Soler, Literatura do exilio republicano do 1939 , foi unha peza maxistral sobre o drama, a dor, dos escritores exiliados, que se un non tivese xa secas as bágoas estaría todo o tempo chorando coas contradiccións, coa desesperanza, desta xente que soñaba e traballaba para conseguir un mundo mellor, con talento, con imaxinación, co poder creador que supuxeron os anos da II República, que aínda segue asombrando no mundo, cuios autores tiveron que desterrarse. Agora voltan, mais esta terra xa non é a mesma que deixaron, e énchense de dúbidas e síntense non ser de parte algunha, nin saber para quen escreben. Aznar glosou textos de Pedro Garfias, de León Felipe, de Paulino Masip, de Francisco Ayala, de Max Aub, de María Teresa León, de Juan Rejano e de Adolfo Sánchez Vázquez... Non logrei ver nos boletíns algunha reseña deste acontecemento.