EN ÉPOCA tan carnal como na que estamos estes días non viría mal facer unha reflexión sobre a carne. A carne que tamén estes días está sendo sometida a debate nas televisións: a pouca carne das modelos que desfilaron na última edición de Madrid Fashion Week, antes Pasarela Cibeles. Segundo denunciou a asociación que combate a anorexia, algunhas das mozas que desfilaron nesta edición tiñan tallas 34 e 36, pero desde a dirección da Fashion Week négase este feito. Mesmo hai quen asegurou diante das cámaras que só escollían modelos con tallas 38 e 40. Vendo as imaxes da televisión e as fotografías que saíron na prensa, o certo é que ou estamos sendo enganados polos empresarios da moda cando compramos roupa da 38 ou o que levan as modelos sobre a pasarela non se lle aproxima nin de lonxe, sobre todo, tendo en conta que a tele engorda. A estética da moda é unha estética de mulleres xa non delgadas, nin sequera fracas. O que a moda impón nos últimos tempos son mulleres esmirradas, consumidas, mulleres ben mirradas. Adxectivos todos estes que en galego fan referencia á perda significativa de peso. É difícil aplicar outros cualificativos para rapazas ás que lles sobresaen os ósos da cadeira, que non teñen peito, ás que lles desaparecen as curvas praxitelianas. Mulleres ensumidas, que ademais de perder peso, da súa fraqueza, transmiten -ás veces por imposición- unha falta de forza física, de mal aspecto, de pouca saúde. Esa é precisamente a connotación figurada do adxectivo esmirrado, que na lingua galega ten o significado principal de 'moi fraco e engurrado, consumido'. Mulleres achicadas, que pola súa delgadeza extrema perden a frescura e a viveza natural que dá a xuventude e a boa saúde, rapazas que se van rechumindo, que semellan non ter ánimo. Mozas que van perdendo o bo aspecto físico, a enerxía, que van murchando. Mulleres murcias, rechozas, rechumidas... Inútil a discusión pola talla; a impresión estética, en cambio, non ten dúbida: mulleres sen carne e sen espírito. falar.ben@lavoz.es