S eguramente hai máis, pero eu apunto estas. Primeira proposta, recuperar o optimismo. ¡Vaiche boa! Optimismo gramsciano, quero dicir (de Antonio Gramsci). Optimismo da vontade, que non renuncia a cambiar as cousas, malia o pesimismo que ás veces impón a análise dos feitos. Optimismo contra a resignación e a derrota. Recuperar a iniciativa. Podemos aceptar un tempo de confusión, noqueados no cuadrilátero, pero hai que saír do curruncho.
Segunda proposta: ideas. Sen ideas non é posible o anterior. O problema non é de liderados. Os liderados han vir despois, resultado das ideas. O problema é de información, argumentación, estudo e programas de actuación posibles (século XXI), non tópicos, nin retóricos. Pérdenos a retórica, os adxectivos, cando máis precisamos de substantivos para un mundo que muda aceleradamente arredor de nós. E isto lévanos á proposta terceira.
Laboratorios para a reflexión e espazos para o diálogo. Sen espazos de encontro para falar (moi especialmente para falar cos contrarios) dificilmente sae luz ningunha. A cultura galega (e o galeguismo) viviu durante moito tempo agochada na trincheira, instalada no laio e, ás veces, na autocompaixón: ese vitimismo que conduce á melancolía. Roberto Varela, anterior conselleiro de Cultura, falaba de ensimesmamento. Pois é certo: metidos para dentro e desconfiando de todo o que non concorda coa ortodoxia dominante (cada vez máis minguada). A historia está chea de razóns para xustificar esta actitude. Mais no Medulio acabaron todos como acabaron: trancados na citania e suicidándose, que no fondo é o que querían os romanos. Dous mil anos despois, nin sequera sabemos onde estaba o Medulio.
Cuarta proposta, humildade, que é o contrario da soberbia. Ninguén é propietario do país. O país facémolo entre todos e témolo que discutir entre todos. Tamén cos que non pensan coma nós. Saíde á rúa e ollade a xente que anda ao noso carón. Galicia é unha sociedade moderna, mesmo coas súas contradicións e as súas eivas, e por tanto, complexa. As ideas nacen da análise, perfílanse no debate e multiplican a súa capacidade de convencemento cando se emiten dende o respecto ás razóns do contrario.
Quinta proposta: non estamos sós no mundo. Non somos unha illa. Necesitamos alianzas, abrir espazos. O mundo transformouse nunha grande aldea na que cómpre saber con quen podemos compartir viaxe. Alianzas interiores (que permitan priorizar obxectivos) e alianzas exteriores, porque os espazos de decisión hai tempo que rebordan a nosa contorna. E porque Galicia é unha «célula de universalidade», tal que nos ensinaron os devanceiros.
Sexta proposta: imaxinación e heterodoxia. Watson e Crick descubriron a estrutura molecular do ADN cando un día acordaron enxergala dende outro ángulo: unha ollada distinta. Déronlles o Premio Nobel en 1962 e revolucionaron a ciencia.
Sétima proposta: apertarnos. Darnos cariño. Querernos un pouco máis. Máis bicos e menos cambadelas. Hai bastantes máis vimbios para armar o cesto dos que imaxinamos.