¿Que facer con 300.000 euros?

Inma López Silva< / span> CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

09 abr 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Leo que o alcalde de Santiago, o inimitable Gerardo Conde Roa, ten un problemiña con Facenda: denúnciao por, supostamente, ter defraudado 300.000 euros. Como non me cabe dúbida de que é tan inocente como a infanta Cristina no caso Urdangarin, non vou pórme moralista e dicir que debería dimitir, pedir perdón ou pór o seu talonario ao servizo dos parados de Compostela. ¡Nada máis lonxe da miña intención! Só quero contarlles o que faría eu se tivese a posibilidade de evadir 300.000 euros para fins benéficos. O primeiro sería crear a Fundación López Silva para a Promoción e Mellora do Concello Compostelán, e pediría o traslado dos plenos ao Salón Teatro, alugado para tal fin. Ademais, contrataría a Leo Bassi a modo de xefe de comunicación, e poríao ao servizo da corporación, para que os asesorase en inauguracións, cafés con empresarios e entregas de premios. Os que quixeren clases extras co gran actor, deberán pagalas do seu peto, pois os 300 dos grandes serían exclusivamente para promover o ben común. E lles pagaría aos concelleiros por non gobernar, en prol da tranquilidade da cidadanía compostelá. Por último, o proxecto estrela sería lograr que Conde Roa comprenda que non só lle gusta o teatro, senón que lle encanta. Aí estaría disposta a investir boa parte dos 300.000: que me dean unha amnistía fiscal que para Facenda sería ben produtivo o proxecto de Reeducación da Alcaldía da miña Fundación. Despreocuparíanse de vez.