S orprendeume ver a Lúa, no medio do azul do ceo, tan cedo. Seguramente apareza á mesma hora todos os días, pero eu non me decatara. Mireina moito tempo. Medio branca, medio azul. Amosando só un anaco, o resto esluída na atmosfera. Poucas horas despois sorprendíame a morte de Neil Armstrong, o primeiro home capaz de poñer un pé sobre ela. Momento histórico. A grandeza dun pequeno acto: camiñar sobre a superficie lunática. Unha constatación dos avances sen límites. A elevación dun home discreto á categoría de heroe. El estivo na Lúa. Literalmente. Poucos poden dicir iso, aínda que haxa moitos co sentido ido. Poucas páxinas separan a nova dunha entrevista a Guillermo Collarte. Asegura que aínda gañando máis de 5.000 euros ao mes, ten que facer esforzos para manterse. Iso si é andar na Lúa. Na terra, quedamos os demais. Os dun soldo discreto, e sobrevivimos sen dar queixa. Non digo xa os que dependen de axudas, ou acoden ao seu posto laboral e a fin de mes non ingresan a nómina. Eses si son esforzos, pisando o chan con coidado, non nos vaiamos mancar e ter que coller unha baixa, que daquela vai ser peor.