M íster Adelson, please, please, please, xa que decidiu instalar o seu Eurovegas no paraíso legal de Madrid e a súa presidenta fixo un chamamento a cambiar «as leis que faga falta», pórtese e pida, xa postos, algunha cousa que nos contente a todos os seus futuros clientes, e non só aos usuarios do tabaco e da prostitución. Veña, ho, deixe caer nunha das súas reunións no Four Seasons algo sobre a legalización das drogas, a proclamación da República, a caza do lince ibérico, a consideración como delito do sendeirismo de risco, a independencia das comunidades autónomas que o soliciten, a voluntariedade da clase de Relixión, de Matemáticas e de Educación Física, o aborto libre, o achegamento dos presos de ETA, a eliminación da paga extra de Nadal, a necesidade de definición dun mínimo intelectual dos políticos, a poligamia, a devolución das preferentes, o roubo de libros e a dación en pago das hipotecas. Please, please, Míster Adelson, ¿non sabe que vostede só pode volvernos o que criamos perdido? ¿Non sabe que vostede, que nin sequera vota en España, ten máis influencia sobre os nosos lexisladores ca min, que me mato a escribir semanalmente estas marabillosas ocorrencias? Please, Míster Adelson, apiádese e pida algo máis que cambiar un aeroporto de sitio.