Galicia no espello francés

Roberto García
Roberto García FIRMA INVITADA

OPINIÓN

17 dic 2012 . Actualizado a las 12:42 h.

Queixábase con sorna De Gaulle das dificultades que supoñía gobernar Francia, un país que posuía 246 tipos de queixos. Desafogos á parte, as palabras do vello xeneral translucían a defensa e o orgullo dos franceses pola súa agricultura e gandería como medio de manter vivo o medio rural. O apoio incondicional dos Gobernos e da sociedade francesa contribuíu a levar a súa industria agroalimentaria a encabezar o PIB galo, moi por enriba incluso do todopoderoso sector do automóbil. Porén, nas páxinas deste xornal, facíase reconto días atrás das sucesivas podas que sufriu o sector lácteo galego no ámbito industrial, primeiro coa venda de Larsa, despois coa de Leyma e tamén coa de Lagasa por mencionar algunhas das veces nas que tanto as caixas de aforros como o Goberno galego viraron de costas aos problemas e permitiron que Galicia perdera gran parte do músculo industrial do que se dispoñía e polo tanto da capacidade de xerar valor engadido no sector primario.

Porque os dogmas do libremercado cos que nos queren facer comulgar os que condenan o recente acordo de mínimos asinado polo sector -e avalado polo presidente da Xunta-, para que ningún gandeiro teña que cobrar polo leite menos do que lle custou producilo, parecen ignorar o que sucede ao noso arredor. Por iso compre lembrarlles que cando en Francia no 2009 padeceron unha crise de prezos do leite, un presidente co perfil ideolóxico de Sarkozy sentou nunha mesa a tódolos actores do sector lácteo francés coa ameaza de non deixalos marchar ata que os gandeiros entraran en beneficios porque estes eran un ben estratéxico para o país.

Manter unha neutralidade ficticia das Administracións ante unha situación de abuso non é deixar que actúe a liberdade de comercio, senón precisamente permitir que o mercado sexa manexado por intereses oligopólicos que ao final sempre están en contra dos intereses dos cidadáns.

É evidente que a produción láctea galega precisa unha reforma estrutural que mobilice terras de baldío, que concentre a oferta dos produtores, que optimice as cooperativas, que cree mecanismos de defensa contra impagos, etc. Unha tarefa que en Galicia se leva adiando desde os tempos de Albor. Entrementres tivo lugar un enorme esforzo innovador e de investimento por parte das explotacións, que duplicaron a produción de leite en 15 anos a pesar do cal o número de granxas pasou de 74.000 a escasamente 11.000 na actualidade, a causa dunha reconversión sen precedentes que, a diferenza da minería ou a siderurxia, lle saíu practicamente de balde ao Estado. Por certo, son esas explotacións punteiras as que están agora en risco de colapso financeiro por non poder atender os créditos cos que afrontaron a súa modernización debido a que perciben pola súa produción os prezos máis baixos da UE, unha situación sin lóxica de mercado xa que para cubrir o consumo español de leite hai que importar cada ano tres millóns de toneladas. En definitiva, en Galicia sobran especuladores e non produtores, e é o futuro destes o que nos estamos a xogar.