Hai catro meses as organizacións agrarias asinamos un acordo co presidente da Xunta que suspendía a folga de entregas que os produtores de leite tivemos que realizar por atoparnos nunha situación límite. Neste acordo, asinado por escrito e de modo público, Feijoo comprometíase a que o Goberno de Rajoy incluíse na nova lei da cadea alimentaria que os custos de produción tiñan que ser un elemento fundamental na negociación de prezos dos novos contratos. Entón confiamos na súa palabra. Depositámoslle unha confianza que agora vémonos forzados a pór en dúbida e, o que sería máis grave, a considerar que nos enganou ou está a incumprir un acordo que asinou por escrito. Ese acordo non incluía ningún trato especial, senón que simplemente trataba de incorporar algo que xa se leva realizando en varios países europeos desde hai anos, mellorando a organización e o equilibrio entre os distintos operadores da cadea de produción. Desgraciadamente estas novas medidas recolléronse de modo incompleto nun decreto do Ministerio de Agricultura ao non estar regulado o volume de produción no contido dos contratos nin tampouco unha mediación ou arbitraxe ante posibles conflitos. Contén asimesmo un elemento perturbador para o seu desenvolvemento do que se están aproveitando algunhas industrias para realizar uns supostos contratos por períodos de tres meses, que non é máis que pór por escrito o prezo que ata agora lle viñan impondo ao gandeiro, baixo a suposta desculpa de que se realiza de modo voluntario, cando na realidade se asinan baixo a ameaza de non recollerlle o leite en caso contrario.
O comprometido por Feijoo non foi incluído no proxecto de lei da cadea alimentaria aprobado polo Goberno, nin tampouco está nas emendas do Grupo Popular na súa tramitación no Congreso. Ante esta situación non sabemos se o acordo asinado foi, no seu momento, unha cortina de fume, ou se o presidente da Xunta non realizou as xestións ás que se comprometía, ou é que carece da forza necesaria para que o seu partido incorpore os compromisos aos que se ligou por escrito. O leite é unha produción estratéxica para Galicia, en especial para numerosas comarcas do interior moi dependentes do seu monocultivo. Os gandeiros galegos temos realizado un gran esforzo na mellora das nosas explotacións e estamos confiados no noso futuro, se a Xunta nos axuda a superar tres problemas básicos que temos ante o novo marco sen cotas: poder dispor de máis terras mediante os arrendamentos, establecer unhas novas relacións polos contratos e o apoio a novos proxectos industriais para completar a transformación do leite en Galicia. Neste tres apartados ten unhas amplas competencias para exercer. E mesmo máis, está chamado a exercer o liderado nas melloras a realizar no sector lácteo en España pola posición privilexiada que ten Galicia. Non espere a que llo resolva o señor Cañete, que está a mirar para outros territorios; comprométase vostede. Aínda que de modo atrasado, pode estar a tempo de facelo.
Isabel Vilalba, Francisco Bello e Roberto García son secretarios xerais do SLG, de XX. AA. e de UU. AA.