O pasado 18 de xullo, día do meu santo, decidín que non quería ler desgrazas, e xuntei un pequeno fato de boas noticias que lles ofrezo.
Científicos de EE. UU. atopan un xen que desactiva o cromosoma extra da síndrome de Down. É un primeiro paso para a terapia cromosomática.
Investigadores londinienses crean un bisturí intelixente, capaz de informar aos cirurxiáns, en só tres segundos, se o tecido que están a cortar é ou non canceroso.
Inglaterra legaliza o matrimonio homosexual. (Xa era hora).
Científicos de Australia inventan un traxe para surfistas que os converte en material non comestible para os tiburóns. Vaise comercializar por 500 dólares.
O Goberno está estudando que as familias numerosas con dificultades económicas conserven as prestacións ata que o máis pequeno dos fillos cumpra 21 años, ou 26 se está estudando. (Menos dá unha pedra).
Para os futboleiros: a Tribunal de Xustiza da Unión Europea desestima os recursos da FIFA e a UEFA e abre a posibilidade de que os Estados europeos obriguen a retransmitir en aberto ambos campionatos.
E finalmente: ¡A viagra xenérica chega ás farmacias!
Ollando con boa intención sempre se atopa algunha boa noticia.