Considerar vítima de racismo á presentadora de TV Oprah Winfrey, que ten unha fortuna valorada en máis de 2.000 millóns de dólares e un poder capaz de condicionar as eleccións á presidencia de Estados Unidos, parece esaxerado, pero a realidade é que tamén ela foi vítima desta lacra social.
Contouno nunha entrevista a Larry King, nun programa de gran audiencia: foi a Suíza, quixo ver un bolso de pel de crocodilo, exposto nunha luxosa boutique en Zúrich e a empregada negouse a mostrarllo, pese á súa insistencia, porque era «demasiado caro para ela».
A noticia deu a volta ao mundo e chegou a Suíza, onde a oficina de turismo pediu desculpas a Oprah Winfrey. Pola contra, a dona da tenda desculpou á empregada, que, segundo ela, pecou de «demasiado amable». Hai que entender que quixo protexer a economía daquela negra, encaprichada dun bolso de 30.000 dólares que estaba fóra do seu alcance. A empregada, probablemente, cumpría ordes («Ese bolso que non o soben?»). Para qué molestarse en mostrarllo a aquela muller, non o fora sobar coas súas mans de negra e de pobre.
Para Oprah Winfrey foi un golpe na súa autoestima. Para nós, a constatación do clasismo e do racismo dunha sociedade na que tamén nós vivimos.