Houbo un tempo en que o pesimismo foi idea perenne: aboado vinte e catro horas á solemne aflición. Pensaba que nada podía ir mellor e o escepticismo, como soliloquio de inverno, semellaba único credo. Os optimistas eran aqueles que estaban conformes co mundo e a min, contrariamente, parecíame que o mundo había que cambialo. Só os pesimistas semellaban desconformes e rebeldes. Equivoqueime. Hai unha rebeldía alegre. Unha alegre desconformidade. Rodearse de alegres contribúe tamén a cambiar as cousas. Un alegre ve a vida sen acidez de alma. Non abandona a esperanza: porque é a lanza que derrota a melancolía. Creo nos alegres, aínda que leven a procesión por dentro. Nos ilusos e ilusionados máis que nos inefables arúspices do infortunio. Nos que dubidan máis que nos impartidores de dogmas e doutrinas. No sorriso máis que na amargura. É curioso, pero o optimismo contáxiase (como o pesimismo). Sempre encontraremos un lugar onde a felicidade é posible. Uns ollos, rostro, caricia, abrazo, comida, un viño, a auga fresca limpando interiores, o sol ou a marmaña, o recendo desta outonía marrón verde violeta encarnada, a chuvia amarela das follas caendo en danza ondulada, respirar, Bach e os seus aires de gloria, a inocencia de Mozart, Neil Young (que cumpriu 68 a pasada semana e segue a buscar un corazón de ouro). De nós non pode quedar un mal recordo ou un recordo malo. Todo pasará: porque todo ten fin. Pero sobre a pel dos que amamos ha de quedar, precisamente, o noso amor intacto. Ninguén borrará as cores da tenrura. Quen ama alegremente, alegremente vive. Os alegres son os arquitectos do mundo.