O fascismo á espreita

OPINIÓN

02 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Nunhas recentes declaracións, Arantza Quiroga, presidenta do PP do País Vasco, dixo que os custes laborais seguen «reducindo a competitividade» e que a conflitividade laboral se está convertendo «nun grave problema», nun «lastre» para o crecemento económico. «Hai que dicilo claro, algo que non se atreve a dicir o Goberno». Para ela os dous grandes problemas da economía son os custes laborais e a conflitividade laboral. Estando os primeiros entre os máis baixos de Europa, non se explica moi ben que poidan supoñer un grave problema e que, ademais, leven a reducir a competitividade. E a falta de crecemento económico, como é sabido, é común a todos os demais países da eurozona, sen conflitividade significativa, e as súas causas son outras que agora non importan. O que si importa é que hai detrás desas declaracións, porque hai que enmarcalas dentro dun cadro xeral dunha ideoloxía que procura a precarización do mundo do traballo, que ten medo dos dereitos dos traballadores, e do de manifestación en primeiro termo, que pensa que é práctico meter nos traballadores medo a perder o traballo para mellor explotalos. O caso de hoxe é un entre miles, un exemplo máis do neoliberalismo que se apoderou da nosa sociedade, un liberalismo que xa empeza a ser comunmente conceptuado como fascismo, pois por distintos camiños e con diversas maneiras vai ter a mesma finalidade, que non é outra que a eliminación da democracia. Así de claro. No fascismo é o Estado quen ten o poder, non o pobo; no neoliberalismo os gobernantes redúcense a ser instrumentos do poder económico e financeiro, e, ao suplantalos, o Estado queda nas mans dos que non foron elixidos para gobernar. Arantza Quiroga é un síntoma máis de que o neoliberalismo é un fascismo.