Medio Rural e a súa negación da evidencia

Roberto García
Roberto García FIRMA INVITADA

OPINIÓN

24 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A conselleira e o seu equipo directivo de forma reiterada manteñen a afirmación de que os agricultores e gandeiros galegos van manter un volume de axudas da PAC no ano 2014 e posteriores similar ao percibido en anos anteriores. Esta afirmación é en si mesmo a negación dunha evidencia, pois para saber que a PAC pos-2013 ten menos recursos económicos, basta coñecer as cifras, publicadas polo ministerio ou pola UE.

Primeira evidencia. Os recursos económicos que a nova PAC destina ás medidas de intervención e/ou regulación de mercados, segundo o Parlamento Europeo, teñen unha caída do 40,3 % para o próximo período 2014-2020, en comparación co período 2007-2013. Iso pode ter grande repercusión no prezo de venda das producións agrícolas e gandeiras, pois a xeito de exemplo é coñecido que no sector lácteo máis do 92 % dos ingresos proveñen da venda de produtos, polo que pequenas variacións do prezo percibido poden afectar gravemente aos resultados económicos da explotación.

Segunda evidencia. Se nos centramos nas novas axudas derivadas da nova reforma da PAC, o ministerio do ramo en varios informes afirma que no ano 2013 os pagamentos directos no Estado español ascenderon a 5.449.042.000 euros, pero o teito financeiro para o ano 2014 -como se pode corroborar no Anexo II do Regulamento (UE) N.º 1307/2013- é de 4.862.658.000 euros, as cifras cantan. España disporá de 586.384.000 euros menos para atender os pagamentos directos.

Terceira evidencia, a circular do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) da semana pasada sinala que os nosos agricultores e gandeiros van ver reducido o valor dos seus dereitos de pagamento único (PU) nun 8,64 %, porque os recursos destinado ao PU pasan de 4.913.834.000 euros a 4.489.269.610. Os nosos gandeiros poden xa consultar a rebaixa dos importes do seu dereitos en páxina web do FEGA,

Cuarta evidencia, as axudas especificas van a ter a mesma redución lineal, punto 4 da mencionada circular. E os importes da prima por vaca nutricia e a prima complementaria reduciríanse nun 8,87 %, punto 5 do mencionado documento do FEGA.

Quinta evidencia. A redución aplícase de forma lineal, e iso prexudica en maior grao aos pequenos e mediados beneficiarios fronte ás grandes explotacións. Unha explicación a esta afirmación: sendo certo que neste exercicio non se aplicará a modulación (aos importes superiores a 5000 euros descontábaselles o 10 %), pero como xa afirmamos, si terá lugar unha redución lineal, que no caso dos dereitos de PU é do 8,64 %. Así, coas reducións formulada polo FEGA os que gañan son os que teñen importes de PU maiores e os que perden os que teñen importes menores, que curiosamente en Galicia son a maior parte dos nosos gandeiros.

Respecto aos recursos do segundo piar da PAC, a conselleira realiza un claro exercicio de negación da realidade, como se evidencia se reflectimos os recursos presupostarios que o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e o ministerio achegasen á nosa comunidade autónoma. A diferenza entre os períodos 2007-2013 e 2014-2020 é de -164 millóns no caso do ministerio e de -163,8 no total.

Sexta evidencia. Galicia recibirá menos fondos para o seu Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), xa que a pesar de manterse o financiamento do Feader, o Magrama reduce de forma considerable a súa achega. Estes, e non outros, son os nosos datos e as evidencias, e só con datos ou cifras diferentes poderíanse negar as evidencias. Pero moito nos tememos que a conselleira e o seu equipo o que están a realizar é un puro exercicio de camuflaxe, engano ou de distorsión da realidade, pero o tempo todo o evidencia.