Memoria (tráxica) de Europa

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

08 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha das visitas didácticas que todos os europeos deberiamos facer algún día é aos cemiterios masivos da Primeira e da Segunda Guerra Mundial: en Bélxica, nas vellas fronteiras con Alemaña, na Normandía? Só no cemiterio de La Cambe hai 21.000 soldados alemáns, a meirande parte deles caídos na praia de Omaha. En Colleville-sur-Mer hai outros tantos aliados, principalmente norteamericanos. En Menen-Wevelgem, Paseendale, Langemark, Hooglede están os de 1914-1918? Arreguiza o corpo a visión das cuíñas verdes inzadas de cruces grises e brancas, e algunhas estrelas de David.

O pasado día 6 cumpríronse 70 anos do desembarco dos aliados en Normandía. Un dos primeiros caídos nas praias, por certo, era galego, Manuel Otero Martínez, da Serra de Outes, igual que moitos galegos e españois entraron en París meses despois, cando a liberación, aínda que as crónicas oficiais logo os agocharon, porque viñan da República, comunistas e anarquistas preferentemente, que seica desestabilizaban o discurso dos vencedores, metidos xa nas vésperas da guerra fría.

O próximo día 28 cumpriranse cen anos do asasinato en Sarajevo do arquiduque Francisco Fernando de Austria, herdeiro da coroa do imperio austro-húngaro, atentado que se considera o detonante da Primeira Guerra Mundial. Do imperio austro-húngaro non queda nada. Non sobreviviu á contenda, como tampouco sobreviviron o imperio ruso, nin o alemán, nin o otomano, que parecían eternos. A revolución bolchevique de 1917 mudaría radicalmente o mapa político e social de Europa e do planeta enteiro.

Aínda están recentes as eleccións ao Parlamento Europeo do pasado día 25. Dende os anos aparentemente felices da Belle Époque, dende finais do século XIX e os primeiros anos do século XX ata os nosos días, un século despois, o mundo mudou radicalmente. A idea optimista do progreso que representaba a Exposición Universal de París (1900), e todas as exposicións de carácter moi semellante que se realizaron despois, fundamentadas nos modelos de crecemento da ciencia, a tecnoloxía e a industrialización, entraron en profunda crise. A propia Europa, que durante séculos protagonizou o discurso mundial (grandezas e miserias), semella hoxe se non unha caricatura de si mesma un navío de navegación incerta. Velaquí, pois, o que somos e onde estamos. Os galegos tamén.

As conmemoracións (non as celebracións) son útiles cando se reflexiona sobre os acontecementos. As guerras que aquí lembramos, coa tecnoloxía posta ao servizo da aniquilación, deberían facernos reflexionar. Foron auténticas guerras civís. Traxedia entre irmáns. No que a Europa se refire, a primeira metade do pasado século foi unha auténtica carnicería, incluída a guerra española, que forma parte do conflito. Na segunda metade, o pacto histórico do chamado Estado do benestar promoveu un tempo de estabilidade e convivencia coma nunca antes houbo. Cada xeración ten os seus símbolos, tamén as súas traxedias, a súa catarse, a súa memoria colectiva. Hai algo máis ca Champions League e Eurovisión.