Podemos: a cerimonia da confusión

Mario Lois Pérez TRIBUNA

OPINIÓN

02 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

H abía unha vez un gran empresario que remataba de pechar a súa empresa mediante un ERE e que alardeaba do seu pasado esquerdista. Este empresario tivo un día unha gran idea. Lembrouse do «Xuntos podemos» de Santiago Carrillo e Felipe González nas eleccións de 1982 e, inspirándose no márketing político que levou a Obama á Casa Branca, pensou: se eles o fixeron, nós tamén Podemos.

Aí comezou unha operación que lle ía deparar saborosos beneficios económicos.

No entorno de varios profesores da Facultade de Socioloxía e Políticas da Complutense de Madrid, Somosaguas, Contrapoder e outros grupos, atopa os que serán os dirixentes desta formación.

No inicio, Podemos non ía ser un partido. Agora si o é.

Querían unha fronte de esquerdas. Agora non. Un dos seus dirixentes manifesta publicamente que parte dunha organización política de esquerdas, democrática e cun pasado de loita polas liberdades é «rexime». Moi estraño.

Para chegar co seu discurso demagóxico e mesiánico aos parados e á cidadanía que máis está sufrindo esta penosa crise económica, é necesario impactalos. A verba clave: casta.

¿Que entenden por casta? ¿Os políticos honrados, que abundan no noso país, e que loitan diariamente con moito esforzo e sacrificio para que as súas veciñas e veciños teñan unha vida mellor e perspectivas de futuro? ¿Ou casta son os empresarios financeiros que os están promocionando e que están aumentando con este produto os seus beneficios económicos?

Basta xa de confusión.

No seu inicio, Podemos proclamouse paladín da unidade e converxencia con outras forzas da esquerda. Nas conversas con estas forzas os acordos xamais chegaron. Os dirixentes de Podemos puxeron como condición inamovible que os candidatos para as eleccións europeas tiñan que ser elixidos en listas abertas polos cidadáns.

Chegar e encher. Esta metodoloxía, que nos proporcionou a revolución dixital, está baseada en substituír a auténtica participación cidadá polas votacións nas redes sociais e en falsear o peso das opinións en base a clonar miles de falsos seguidores e votos. Isto é tecnopolítica. Os que dirixen son os que controlan os nodos e programan e deseñan os formatos de participación. ¡Viva a xente! ¡Todos a votar!

¿A onde quere chegar Pablo Iglesias co seu discurso demagóxico e confusionista? Dende logo, non á ruptura democrática que a veces pregoa. ¿Cara o socialismo do século XXI? Aínda menos. Isto non depende das emocións que xenere a súa estampa de mesías.

Mesías houbo moitos e a maioría daqueles experimentos remataron mal.

As transformacións sociais que houbo ao longo da historia protagonizáronas as mulleres e homes que quixeron cambiar aquela situación.

Polo camiño das emocións místicas imos a Beppe Grillo.

Nesta tesitura, Podemos chegará a ser una opción válida para conquerir outro mundo posible se é quen de canalizar o descontento dos seus votantes a través dunha formación organizada, cun programa ideolóxico claro e realista. E, sobre todo, coa unión e converxencia con outras organizacións progresistas e movementos cidadáns.

Tamén pode chegar a ser un barco no que naveguen os arribistas, os oportunistas e os demagogos, para facerlle o xogo aos que din querer substituír.

Mario Lois Pérez é Licenciado en Historia pola Universidade Complutense.