Ignoro se existe unha monografía sobre estas medallas, xa recibidas por un número moi elevado de persoas, de persoas que, en non escaso número, non son personalidades. As medallas Castelao, nas primeiras edicións, foron outorgadas a persoeiros que, pola súa vida e pola súa obra, portíñanse, dalgún xeito, co espírito de Castelao (Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Valentín Paz-Andrade, Xaime Isla, Ben-Cho-Shey?). Hai que supoñer que os laureados recibiron un loureiro así denominado con orgullo e con emoción.
No que podemos chamar unha segunda fase, dá a impresión de que os destinatarios das medallas eran persoas relevantes en moi diversos eidos: ciencia, política, incluso deporte, póla da actividade humana que recaeu, nunha edición moi comentada, no futbolista Luis Suárez. Creo que, xa daquela, non cumpría ter noticia significativa da biografía do persoeiro que daba nome ao agasallo.
Foi pasando o tempo e chegamos a fases (hai varias) nas que o criterio foi, como na segunda, o da relevancia. Ben sabido é que non todos os escolleitos eran verdadeiramente relevantes. Sobre ese tempo, cronistas minuciosos decatáronse de que en certa edición filtrouse un fascista, o autor de Perfil humano de Franco. Foi, sen dúbida, un lapsus dos antólogos. Nas últimas edicións, vimos persoas meritorias na súa entrega a grupos humanos de precaria natureza e, asemade, profesionais decorosos de non especial relevancia, algún con apelidos moi rechamantes no eido da política.
Xa aquí, supoño que algún día a Xunta de Galicia debería facer unha reflexión, debería botar unha ollada crítica a unha historia de trinta e cinco anos e debería tratar de decatarse das lagoas (sociais e individuais) que hai no cronograma das medallas.
En Galicia, algúns pensamos que hai outro tipo de persoas, algunhas verdadeiramente heroicas, que merecen a medalla Castelao: que merecen un recoñecemento máximo. Por conseguinte, se reciben a medalla Castelao, no acto mesmo dignificarana. Sendo inxusto con moitos nomes, escollerei dous: David e Camilo.
David Álvarez Carballido, que cumprirá en agosto 92 anos, vive en San Martín de Suarna (A Fonsagrada), o seu berce, onde moitos veciños pensan que o comunismo é a realización suprema da sociedade. Pénsano, non por teren lido a Marx ou a Lenin, senón por coñeceren a bondade, a solidariedade e o espírito fraterno de David. David foi preso e torturado en 1963 por pedir a liberdade para Julián Grimau antes dun dos crimes máis execrables do franquismo.
Camilo de Dios Fernández, de 84 anos, vive en Sandiás (Ourense), a súa terra natal. Na guerrilla antifranquista foi, no seu día, o combatente máis novo. Vive aínda unha mestra católica, mociña nova daquela, que se namorou del cando procuraba, ferido, na casa de seus pais, un pouco de axuda. Para a mociña, aquel don Quixote con fusil, mozo moi guapo por outra parte, emitía acenos cheos de limpeza, de honradez. Aínda hoxe suspira polo comunismo, ela que nunca leu a Lenin nin a Marx nin sequera a Rosa Luxemburgo. Camilo, torturado con saña días e días, estivo en prisión trece anos.
Fará unha reflexión a Xunta de Galicia sobre os sectores e individuos excluídos da festa das medallas Castelao?