Na busca dun encontro

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez O FUTURO DO GAIÁS

OPINIÓN

16 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

En Galicia, ao longo do tempo, a economía foise concentrando na costa, a poboación afluíu en masa ás cidades do litoral e os grandes investimentos portuarios públicos e privados potenciaron as áreas de Vigo e A Coruña. Santiago non tiña mar, e a puxanza daquel señorío eclesiástico, coa perda do voto e os excesos levíticos, empezou a esmorecer. Hoxe Compostela é a traza cultural máis importante de Galicia no mundo, co pano de fondo do rexurdimento da peregrinación, que pasou a ser un fenómeno universal. No seu día, o concello, xunto á autonomía e a universidade, promoveron novos perfís vinculados á cultura e o coñecemento, con resultados indiscutibles. A cultura neste mundo global non é un intanxible, xera riqueza, propicia a liberdade do individuo e cohesiona a sociedade. Investir en cultura en Santiago é tan importante como facelo en infraestruturas; a cuestión é acertar na asignación dos recursos públicos, xa sexa no saneamento do sector financeiro, na industria ou nos propios equipamentos. A crítica sistemática á Cidade da Cultura resulta cansina, moi pola contra dos tempos da súa ideación e do comezo da obra, cando as loanzas eran xerais e fixéronse encargos a discreción para a concepción dos contidos. Hai galegos que non se atreven a visitala por medo ao que dirán. Estamos xa nunha fase que, fágase o que se faga no Gaiás, é rexeitado por sistema. O erro principal da Cidade da Cultura foi a localización no alto dun monte de difícil conectividade. Non creo que se resolva cun enlace desde a AP-9 que pode producir, pola contra, maior desconexión verbo da cidade ao entrar e saír por un dos seus bordes. Esta situación debe invitarnos a tomar nota do papel decisivo do planeamento na ordenación da cidade á hora de implantar equipamentos e garantir a súa imbricación no tecido urbano; e esta, non o esquezamos, foi unha modificación «extracorpórea» do plan xeral que non preveu o problema. Pero o máis importante é evitar que o complexo acabe sendo un multiusos incomprensible onde vaia parar calquera colección ou biblioteca de máis ou menos valor, calquera ocorrencia brillante ou dependencia administrativa que non ten onde aloxarse.

A iniciativa de cubrir con xardíns a estrutura a medio construír e de converter en lagoa un furado negro froito da escavación dá a sensación de querer encubrir o erro e non entrar no fondo da cuestión. A realidade é que Cidade da Cultura existe, esta aí como unha presenza irrevogable a carón da outra, a singularmente culta, a cidade histórica. Prescindindo de posturas maximalistas, require tempo para enfocar, consensuar, implicar; tempo, en última instancia, para acertar. E aquí está o problema político. Non pode seguir sendo o sparring dos partidos dependendo de quen goberne, ou da competencia entre as cidades. Hai que propiciar a concertación no Parlamento, porque as forzas políticas máis significativas tiveron algo que ver, xa fose na súa concepción e inicio ou na súa continuidade. Defendín e defendo a necesidade de conxuntar as políticas urbanas coas autonómicas, e nese contexto formular os investimentos esenciais para Galicia, e tamén as solucións de problemas significativos, porque este non é o único. Cal vai ser o futuro investidor e tecnolóxico dos dous portos exteriores, ou da variante do tren de alta velocidade?

A CdaC non depende xa de campañas publicitarias ou de máis estudos estratéxicos. Tampouco de posturas defensivas ou ofensivas encendidas. Necesita un encontro político e social. Nin deixala abandonada nin utilizala, como sucede no ritual inculpatorio dos incendios, como munición contra o adversario.