Se alguén tivera que definirme pola miña forma de adobiarme, diría que sempre levo a melena ao aire, pendentes nas orellas e tamén que sinto unha querenza especial polos sombreiros. Isto último comezou hai moito tempo, nos veráns de tanta calor. Prefería os chapeus ás gorras. E de aí... ao resto do ano. Os primeiros que tiven foron os típicos sombreiros panamá, que en realidade se fan no Ecuador trenzando follas de palmeira. O nome venlles porque se fixeron indispensables coa construción do Canal de Panamá, xa que os traballadores deste requiríanos masivamente. Panamá, berce de traballo, agora tamén o é de riqueza. Mágoa que a orixe non sexa tan lícita coma naqueles tempos nos que se pretendía mellorar o intercambio comercial a través dos océanos. Por que existen os paraísos económicos? En grande medida porque quen tería que velar pola súa erradicación, fan uso del. Non todos, xa, pero hainos que si.
Quítome o sombreiro (panamá) ante aqueles traballadores que daban o mellor do seu esforzo baixo a calor ou a sombra. Pero non podo facer o mesmo ante os que se enriquecen de maneira ilícita, ríndose dos demais contribuíntes que achegamos os nosos céntimos para o benestar do país. É unha vergonza que os defraudadores aseguren que non se senten como tales. Eles pagan, din. Pero levan os cartos a Panamá, algo que aos demais mortais non se nos ocorrería.