Cando Xulio César lle dixo a Cleopatra que o seu reino estaba en decadencia, o romano recoñeceu que tería que retirar esa afirmación se os exipcios eran capaces de construírlle un pazo en Alexandría no prazo de tres meses. Cleopatra, que segundo din tiña bo nariz, coñecedora da inestabilidade dos edificios construídos polos seus arquitectos máis destacados (foran honrados, coma Numerobis, ou corruptos, como Paletabis), accedeu a botar man da axuda duns estranxeiros (Astérix, Obélix e Panorámix), que, tras aplicar os coñecementos arquitectónicos dos propios romanos, deixaron quedar ben á fermosa raíña exipcia rematando en prazo o estable e luxoso pazo que tería chegado ata os nosos días de non ser polas sucesivas catástrofes que asolagaron Alexandría. Si ten chegado ata os nosos días, grazas aos romanos, a raíz indoeuropea sta (‘estar de pé’), que é a que precisamente lle dá á palabra estabilidade o seu significado de permanencia ao longo do tempo. Unha raíz que, tamén a través do latín, mantemos en palabras como estado, constitución ou estatuto: as institucións (outra vez o sta) que os humanos temos deseñado para dar seguridade e reducir incertezas na organización social co fin de procurar o ideal da xustiza. Porque cara á xustiza, ou cara a algo parecido ao que representa ese ideal, só se pode avanzar se as sociedades se dotan previamente de instrumentos que lle proporcionan certeza e estabilidade política e social. Sabemos que hai políticas económicas máis eficaces que outras para conseguir o crecemento económico, como a apertura e a competencia; os incentivos públicos e privados que favorecen o investimento e as exportacións; o incremento dos niveis de escolarización e formación; ou a igualdade de oportunidades sociais. Pero ningunha delas é realizable en ausencia de estabilidade, liberdade e seguridade. E por elo, aínda que no ámbito do coñecemento económico, e máis aínda no da economía política, é difícil chegar a conclusións definitivas, hai unha que tende a abrirse paso como tal: a de que hai institucións que inducen á estabilidade, tanto política como social; e outras que non. A democracia constitucional e representativa está entre as primeiras; os gobernos personalistas ou populistas e as ditaduras de calquera caste, por moi longas que sexan e por variada que sexa a ideoloxía que os inspira, non o están. É precisamente agora, cando moitos se preguntan como é posible que tras case un ano de fonda inestabilidade política España siga crecendo e os servizos públicos funcionando razoablemente ben, cando máis se aprecia o valor da estabilidade institucional que nos proporcionan a Constitución e o Estatuto. E ao mesmo tempo, cando se evidencia que o risco para o país estivo e está, máis que na inestabilidade gobernamental, na inestabilidade institucional; unha inestabilidade que podería facilmente producirse se, como pretendía algún, para acadar o goberno (nin sequera con garantía de estabilidade) se pactaban cuestións contrarias á orde constitucional e estatutaria. Unha pretensión, a de chegar ao goberno poñendo en risco a estabilidade institucional aceptando pretensións soberanistas ou de superación dunha orde constitucional supostamente podre e herdada do franquismo, que ademais de arriscar o benestar social iría contra a vontade da verdadeira maioría social. Para poñer en marcha políticas económicas eficaces é necesario estabilidade gobernamental. Pero para cargarse en pouco tempo todos os avances no benestar material nada hai como rachar coas institucións da democracia representativa que promoven a estabilidade social. Os descendentes de Cleopatra e Numerobis parecían telo claro e demostraron non ser un pobo en decadencia cando derrubaron desde a rúa o réxime de Mubarak, da estirpe dos Paletabis. Na táboa reivindicativa que presentaron na praza de Tahrir apenas había reivindicacións económicas: as doce primeiras eran relativas ás liberdades políticas, aos servizos públicos e á igualdade de oportunidades que o corrupto réxime exipcio lles negaba, impedíndolles traballar utilizando o seu talento, o seu enxeño e mesmo a súa formación. O que pedían era o plano dunha organización política estable como a que nós, afortunadamente, xa temos desde hai tempo: un sistema democrático, que antes ou despois tamén terá un goberno estable que desenvolverá as políticas económicas que permitan seguir aumentando a riqueza e o benestar.