Apañados imos coa luz

Miguel López Crespo SECRETARIO XERAL DA UNIÓN DE CONSUMIDORES DE GALICIA

OPINIÓN

09 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se algún consumidor pensaba que as cousas ían mellorar logo dos últimos cambios no sistema eléctrico, apañado vai. Nin a factura será máis comprensible nin os prezos da electricidade baixarán máis aló das flutuacións dun mercado baixo permanente sospeita. Custes de produción, marxe de comercialización, transporte, distribución, interrompibilidade, capacidade, perdas da rede, custes extrapeninsulares, déficit; todos eles termos incorporados á nosa factura que non só non desaparecen da mesma nin se espera nos vindeiros anos, senón que mesmo a súa cuantificación complícase máis nalgúns casos. Folga dicir, polo tanto, que seguiremos sen entender a factura da electricidade. No capítulo dos prezos, seguiremos discutindo sobre os titulares dos medios que falan de canto subiu a luz desde a ponte da Constitución ou desde o anuncio do brexit, ou que falan do impacto de tal ou cal concepto na factura, animando así as sobremesas familiares ou as conversas no bar e desviando a atención sobre os problemas reais do sector.

Non podemos perder a perspectiva e non podemos esquecer que o mercado eléctrico segue a funcionar baixo unhas regras que non reflicten correctamente os custes de producir electricidade e no que dificilmente pode confiar o consumidor cando se anuncian investigacións por parte do regulador e mesmo da Fiscalía. Debemos lembrar a conformación da factura da electricidade e a porcentaxe da mesma que se corresponde con elementos regulados que, ou ben non deberan estar incluídos nela, ou ben estando deberan ser mellorados para minorar o seu impacto. E por suposto, non podemos deixar de traer a colación a política fiscal e social no eido da electricidade seguida polos nosos gobernantes, que, penalizando o autoconsumo, seguen sen contemplar unha baixada nin dos tipos nin a eliminación de comentados conceptos que conforman a base impoñible dos impostos que a gravan. Políticas que seguen permitindo que millóns de usuarios sexan desprazados a un mercado libre que ofrece prezos aínda máis caros que o regulado, no que se multiplican os abusos e no que non se contempla a aplicación do bono social.