A patria anterior

Luís G. Tosar
Luís González Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

23 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Acabo de debullar Identidade e afectos patrios, analecta de ensaios de Ramón Villares, editada por Galaxia. Enfiado con tino, desde perspectivas e momentos distintos, con prudencia e sólidos argumentos, o libro permítenos, no seu conxunto, considerar Galicia como o que é, unha nación cultural. Contamos cun cerne etnoidentitario de aceiro: territorio definido pola paisaxe, pobo con historia, lingua de noso e un arsenal de valores, como lles chama o autor: tradición, familia, crenzas, interpretación do mundo, oralidade creativa, sentido da propiedade, norte… peculiaridades integradoras. Mais, a pesar disto, a vontade dunha conciencia soberanista, a Galicia nación política, ten sido, de momento, «máis ben fraca». O profesor Villares atribúeo «ao peso que o primordialismo esencialista de vaga inspiración barresiana exerceu, desde a xeración Nós até o presente, no nacionalismo galego contemporáneo». Velaquí, pois, un volume merecente de ser deluvado espiga contra espiga, sen deixar chisca de grao apegado ó carolo. Como debe ser cando priman o rigor dos feitos históricos e outros ingredientes, próximos ou distantes, que conforman a orixinalidade. O modelo galego, pouco estudado e nada aproveitado, existe, pero esixe acougo, habelencia e desenvoltura para ir ó fondo da cuestión. Nada que ver coa superficialidade que practican algúns chafalleiros bailanacribas, os mesmos que se revolven alporizados cando a opinión das xentes do común non coincide coa diles. En todo caso, a lectura de Identidades e afectos patrios -título acaído coa idea forza de revisar todo o pasado, o que é Historia e o considerado Tradición, sempre desde posicións críticas, nunca como axustes de contas- interesoume especialmente, se se me permite, pola xustiza que se lle fai ás colectividades de América. Onde vai que teño mentes de falar con Villares -somos dunha quinta e moramos de estudantes no mesmo pavillón do Burgo das Nacións- do caso González Carbalho. Gran poeta e xornalista, nado no porteñísimo barrio de San Telmo en 1899, finou no mesmo entorno en 1958. Fillo de emigrantes do Val Miñor, orfo de nai, criado por Encarnación, que lle falaba e cantaba en galego, fixo da vida vocación de soidade. Moi considerado por Neruda, Alberti e García Lorca, cumpriu o seu soño en 1955, visitar Galicia. Definiuna así: a patria anterior.