A definitiva oportunidade do clima

Francisco Díaz-Fierros LIÑA ABERTA

OPINIÓN

FOCKE STRANGMANN | Efe

28 dic 2018 . Actualizado a las 10:47 h.

A finais do pasado novembro, na presentación dun informe da Organización Meteorolóxica Mundial sobre a situación global do clima, o secretario xeral desta institución, Peteri Taalas, afirmaba que «somos a primeira xeración en comprender plenamente o cambio climático e a derradeira que pode facer algo por solucionalo». Tanto este informe científico como outro que presentou polas mesmas datas o IPCC pretendían alertar de novo aos gobernos que se ían xuntar no Cumio do Clima en Katowice (Polonia) sobre a gravidade do problema e a necesidade urxente de tomar medidas drásticas para atallalo. 

O cumio vén de rematar o 14 deste mes, despois de moi duras e longas negociacións que poñen en evidencia, a pesar de todo, a vontade da maioría dos gobernos de chegar a acordos neste transcendental tema. Aprobáronse as regras sobre o camiño que cómpre seguir para poñer en práctica os acordos de París, polo que se pode asegurar que o seu alento segue vivo, o que non deixa de ser un éxito. De todas maneiras, ficaron fóra da axenda moitos puntos conflitivos de carácter político e, sobre todo, segue a ter un futuro incerto o necesario consenso sobre os drásticos recortes nas emisións.

Que ten que pasar para que dunha vez por todas os gobernos do mundo tomen en serio o cambio climático e actúen en consecuencia?

Por unha parte, hai que ter conciencia de que é un problema de todos, xa que, aínda que son cada vez menos os que dubidan dos datos que os científicos nos están a presentar, aínda ese coñecemento non se interiorizou o suficiente como para que xere un cambio profundo nas nosas actitudes e, sobre todo, se transforme nun clamor que chegue a incentivar as decisións dos poderes públicos. Hai problemas, como os incendios forestais e os de saúde, provocados polas ondas de calor, dos que se chegan a ter experiencias moi próximas, pero que non abondan para cambiar dun xeito efectivo os nosos costumes. E xa non digamos doutros efectos que fican máis lonxe, como eses arrecifes de corais que van desaparecer, ou esas illas que xa están a ser asolagadas polo mar. Ou ben esas secas do Sahel que non cesan e que, con toda probabilidade, continuarán coa súa secuela de mortes e fames. Fica aínda moita pedagoxía colectiva por facer.

Pero estimo tamén que non é menos importante o contexto xeopolítico actual, con gobernos débiles e dirixentes mediocres que están pendentes de fráxiles pactos e sempre obsesionados coas próximas eleccións, cando non dirixidos ou influídos por extremistas e iluminados. Nesta situación foi case un milagre que se chegase a acordos que permitan manter vivas moitas das expectativas do Cumio do Clima de París, grazas, en boa parte, á rexa vontade e ao sinxelo compromiso ambiental dos representantes gobernamentais alí congregados.

Posiblemente non chegaremos a ser a derradeira xeración que teña nas súas mans a solución do problema, como afirmaba o secretario xeral da OMM, pero seguro que somos a última que o pode facer cuns custos sociais asumibles. Todo o que sexa atrasar unhas medidas que, queiramos ou non, han de vir, vai supor transferirlles o problema ás xeracións vindeiras, que xa o terán que aturar nunhas condicións cada vez máis duras e traumáticas.