A situación política actual en España lémbrame o que John Lennon dixo sobre a vida: «Vida é aquilo que che vai sucedendo mentres estás ocupado facendo outros plans». A actividade actual dos políticos redúcese a criticar aos membros doutros partidos. Os outros son deshonestos, ladróns descarados, traidores á patria, ou, no mellor dos casos, ineficientes e inútiles, como o demostra a enumeración que fan dos seus delitos e erros do pasado, á vez que, con seguridade clarividente, anuncian que se repetirán no futuro.
Por outra banda, a través dos medios de comunicación chéganlle ao cidadán minuciosas análises do que dixeron os políticos e comentarios sobre o que vai suceder no futuro se uns ou outros chegan ao poder.
E no medio está o presente: os mozos que teñen que emigrar para poder exercer carreiras que custaron moito diñeiro e os que malviven aquí con salarios temporais e míseros, e están os enfermos que esperan meses para poder operarse, e as parellas que buscan e non atopan unha vivenda digna, e os emigrantes que chegan en lanchas e reciben unha manta e un billete de volta, e as mulleres que seguen sufrindo discriminación salarial e ademais son maltratadas polas súas parellas ou violadas por machos soltos ou en mandas… Ou sexa, está a vida. A vida real, que transcorre e que todos sufrimos, mentres os políticos se disputan a poutadas ministerios e prebendas loitando por alcanzar un poder que, case nunca, redundará en beneficio para a sociedade presente.