O avatar do Seminario de Estudos Galegos

OPINIÓN

Miembros del Seminario de Estudos Galegos, en una imagen tomada en Santiago en 1928
Miembros del Seminario de Estudos Galegos, en una imagen tomada en Santiago en 1928

02 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

No 75 aniversario do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento volveu á actualidade o nome do Seminario de Estudos Galegos (SEG). A exposición conmemorativa presenta como «antecedentes» o Seminario e pon como datas de referencia a de fundación, 1923, e o ano 1940, dato manifestamente erróneo, pois a disolución do SEG foi decretada nada máis producirse a rebelión militar comandada por Franco. O profesor Xesús Alonso Montero, desde estas páxinas, xa foi revelador de tal inexactitude. Nunha sociedade tan apegada á tradición e, ao mesmo tempo, con mala memoria dos feitos, merece a pena dedicarlle ao tema un pouco máis de atención.

Vexamos primeiro o que sucedeu coas institucións homólogas. O Institut d’Estudis Catalans, fundado en 1907 por Enric Prat de la Riba, presidente da Deputación de Barcelona, resistiu a adversidade nos cuarteis de inverno que lle ofreceron os corazóns e as fortunas dalgúns próceres de firme catalanidade. No ano 1976 foi recoñecido por real decreto como institución académica, científica e cultural propia no ámbito dos países de lingua catalá, e mesmo recuperou a súa sede. En canto á Eusko Ikaskuntza, promovida polas deputacións do País Vasco en 1918, ao ser suspendida pola ditadura, trasladouse a Iparralde e mantívose activa como centro de investigación e de estudos vascos a escala internacional ata que, en setembro de 1978, unha asemblea reunida en Oñati restableceu a normalidade.

O Seminario de Estudos Galegos non tivo a fortuna da continuidade. Fundado non por decisión institucional, senón por unha ducia de estudantes, non houbo un poder que puidera amparalo. O seu patrimonio, entregado á Universidade de Santiago, pasou en 1944 ao Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, creado polo Ministerio de Educación e adscrito ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas. A maioría dos seminaristas que non estaban mortos ou no exilio seguirían o exemplo de Xosé Filgueira Valverde incorporándose gradualmente á nova institución, pero non sen reservas. Como sabemos por Patricia Arias Chachero, Otero Pedrayo declara nunha misiva dirixida en 1948 a Filgueira: «Non son nin serei do P. Sarmiento».

En 1978, cando por fin se puido normalizar a cultura propia, constitúese arredor de Isaac Díaz Pardo e Ramón Martínez López, un dos impulsores iniciais do SEG, unha comisión para refundalo e reivindicar o seu legado científico e moral. Os estatutos aprobáronse en 1979 e domiciliouse no Museo do Pobo Galego, creado dous anos antes e que tamén se reclamaba como legatario do Seminario. Despois trasladaríase ao edificio do IGI en San Marcos e, sempre grazas á xenerosidade de Díaz Pardo, foi editando algunhas monografías e publicacións seriadas, pero pouco a pouco iría caendo na atonía. Galicia non ten masa crítica para tanta fundación e entidade cultural, e os afáns das xeracións novas reclaman fórmulas tamén novas, que non sexan acredoras das vellas glorias nacionais.