Nonito Pereira

OPINIÓN

02 dic 2019 . Actualizado a las 05:01 h.

Os primeiros artigos de prensa relacionados coa música galega que lin estaban escritos por Nonito Pereira. Recorteinos, gardeinos e aínda os conservo nunha caixiña coma se dun tesouro se tratasen. A súa publicación era semanal, e foron parte da miña orientación musical nun tempo no que escaseaba este tipo de información. Nonito era unha figura de primeiro nivel no mundo da música; coñecía perfectamente a complexa trama deses escabrosos terreos e todas as discográficas, grandes e pequenas, contaban con el para calquera evento polos seus amplos coñecementos.

Na Coruña foi un deses persoeiros visionarios, e xa nos anos 80 abriu unha das máis importantes tendas de discos que houbo na cidade, á que chamou Nonis. Cando Mike Oldfield quixo saber da cultura e da música galega, Nonito elaborou un roteiro que levou ao músico británico polo castro de Baroña, o monte Pindo ou Noia, entre outros lugares; e, no remate do día, levouno a presenciar e participar nun concerto que nós preparamos para a ocasión no xa mítico Playa Club que el rexentaba. Foron momentos memorables nunha noite de inverno, nos que Nonito foi o anfitrión e o encargado de que todo saíse perfecto. E vaia se saíu! Co paso dos anos a nosa amizade foise consolidando, e el foi quen me entregou persoalmente, como representante da nosa discográfica, o segundo disco de ouro que Luar na Lubre conseguía (Cabo do Mundo), coa torre de Hércules de testemuña e o pintor Urbano Lugrís Vadillo como acompañante na espectacular terraza do Aquarium Finisterrae.

Sempre comentou a música feita aquí dun xeito elegante, amable e acolledor. Nunca tivo malas palabras con ninguén, e foi un grande impulso para moita xente. Eu denominaríao como un druída bo e xeneroso, desas persoas que son tan importantes como precisas, das que constrúen e crean empatías e sinerxías favorables. Para min, dende hai tempo era como un máis da miña particular familia de persoas ás que aprecio e admiro. Non hai moito formei parte da mesa constituínte da asociación musical que leva o seu nome, e síntome moi orgulloso e satisfeito. Nonito é un inmortal, porque nós, os que o admiramos e queremos, faremos que sempre permaneza aquí.