Ser diferente é ser existente

OPINIÓN

10 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ningún lugar mellor que o Museo do Pobo Galego para inaugurar a exposición Nós, de onte a hoxe: cen anos de historia. Porque ao servizo do pobo galego, da súa cultura, da súa significación histórica, naceu a revista Nós, que sae á luz, en Ourense, o 30 de outubro de 1920. Desde Galiza Cultura (Federación de Asociacións Culturais) adiantámonos así á celebración do centenario dunha etapa singular e decisiva na historia da Galiza: a fundación, na Coruña, das Irmandades da Fala, animadas polos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte; a celebración, en Lugo, da I Asemblea Nacionalista Galega; a que coñece, en fin, a resurrección do boletín A Nosa Terra e a fundación do Seminario de Estudos Galegos como plataforma para a creación científica vinculada ao uso da lingua galega e ao coñecemento interdisciplinar da nosa realidade. Estes todos son os seus antecedentes e os seus acompañantes na ansia por dotar á Galiza de espellos de representación xenuína.

Vicente Risco, Castelao, Otero Pedraio, Florentino Cuevillas, Ánxel Casal... son nomes escritos con letras de ouro na nosa historia colectiva, porque dedicaron o mellor da súa ilustración e da súa dedicación intelectual e artística a poñer en obra a aspiración dunha cultura galega adulta e moderna, lonxe de todo pintoresquismo costumista, en reencontro cordial e político co seu país, na conversión da terra en Terra, na vontade de daren conta da humanidade galega en por ela mesma e así oferecela ao mundo. Outra feliz coincidencia vén sumarse a esta celebración. O próximo dedicatario do Día das Letras Galegas, Ricardo Carvalho Calero, é fillo directo desta promoción de pensadores ao tempo que cronista en tempo real dos seus logros e aspiracións.

Ser diferente é ser existente: tal lema, extraído de Nós, os inadaptados, de Vicente Risco, é o escollido para convidar a todos os nosos compatriotas a se interesaren pola historia contemporánea de noso, a que significa un segundo renacemento da cultura galega que tamén configura o noso presente.