As mobilizacións masivas que mantivemos en Galicia no ano 2015 deron lugar a uns acordos para o sector lácteo. Estes contiñan compromisos de reducir os desequilibrios existentes entre os prezos do leite en orixe e os de consumo, e foron compartidos entre as tres partes, organizacións agrarias, industrias e empresas de distribución, co respaldo do Ministerio de Agricultura. Como resultado destes protocolos establecéronse novas normativas sobre os contratos, a orixe dos produtos, o papel das organizacións de produtores para a negociación coas industrias, a información dos prezos de cesión entre as industrias e a distribución e o control de prácticas comerciais desleais por parte da distribución. Unhas prácticas ilegais e monopolistas que, lembremos, foron posibles grazas á complicidade da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), que informe tras informe impedía a negociación colectiva por parte dos produtores.
Desde entón, os avances son aínda moi limitados pola necesidade de que se faga obrigatorio fixar os acordos contractuais co amparo, o control e a sanción da Administración en caso de incumprimento. Neste momento a organización de produtores lácteos Ulega (Unión Leiteira Galega) -promovida por Unións Agrarias, e que agrupa o maior volume de produtores da UE- comeza a realizar unhas negociacións coas industrias lácteas grazas á obriga que agora teñen estas de sentaren a negociar, tal e como establece o regulamento do paquete lácteo, e logo de ser desatendidas durante os últimos tres anos. Así, neste momento ábrese un espazo de oportunidade pola tipificación que establece a ilegalidade das prácticas comerciais que vaian contra a lei da cadea alimentaria.
Porén, nas primeiras horas xa puidemos constatar que a falta da figura dun mediador independente na resolución de posibles conflitos, como si existe en Francia, Italia e Portugal, vai facer moi difícil que os contratos permitan unha formación equilibrada dos prezos. Porque, ademais, seguimos sen un observatorio de prezos que permita ter información actualizada e real sobre os custos de produción e a formación de prezos ao longo da cadea desde a produción ao consumo. O actual calendario de mobilizacións, no que está Unións Agrarias-UPA, posibilita que, no caso de fracasar a mesa de negociación coa industria láctea, imos retomar a denuncia pública dos contratos de adhesión que quere manter a industria, ante a pasividade das administracións.