Desde o portal vexo un semáforo, impertérrito, coa imaxe escintilante dun peón de zancas longas e andar canso que invita a cruzar. En van. Ninguén atravesa o paso de peóns.
Ao subir á casa vólveme doer o desgaste ata a extenuación dos traballadores sanitarios e a entrega da cadea de alimentación e de todos os servizos esenciais. A importancia do público e a concertación co privado maniféstase como nunca. Manterase despois este equilibrio?
Saboreamos a vivenda e descubrimos campos relacionais ignorados na ausencia do pracer dos espazos abertos. Temos a tecnoloxía ao noso servizo co traballo en rede e algúns medios de comunicación que, como este xornal, informan pedagoxicamente. A carón do silencio dixital de cada individuo diante do seu ordenador xorde a necesidade de formar parte dun ser colectivo que pon en evidencia as súas feblezas.
Non había, nin hai, políticos expertos ante situacións coma esta. Colleunos a todos de improviso. Que non dediquen agora nin un ápice de tempo a inculparse ou exculparse, e menos a lanzarse palabras insultantes. Cada intre está dedicado a afrontar a emerxencia. As Administracións teñen a obriga de colaborar, con maior ou menor convencemento: agora Madrid e, ao mesmo tempo, as cidades galegas compleméntanse para residenciar os doentes. Os afectados polo virus e os falecidos son de todos nós.
Diante de panorama tan sombrío, sempre hai un oco chamado ventá polo que amence, que non é pouco. Unha ventá, hoxe, é un mundo polo que entra unha raiola que ilumina o interior de modo diferente cada día. Un oco polo que imaxinamos a través da transparencia do cristal a forma de habitar do veciño descoñecido; polo que se filtran sons antes estridentes, agora ensimesmados.
Ventás polas que penetra o aire da primavera, da liberdade, e, con el, o desexo de volver pisar a rúa, como na inesquecible canción de Pablo Milanés, esa rúa que, sen moradores, é apenas unha bambolina. Suscitará isto algunha reflexión sobre a forma de habitar, de ocupar o territorio? Faranos volver a vista cara ao espazo rural e os seus habitantes, que hai pouco estaban reivindicándose na rúa? Nesta odisea son imprescindibles.
Este incrible acontecemento vén sendo un stop a unha sociedade hipermóbil que comezaba de novo a apaixonarse co consumo material en detrimento do porvir ambiental, no que poucos crían, e das cuestións do espírito, da cultura e do afecto. O confinamento obríganos a procrastinar: «Mañá pensarei en pasadomañá». Pero a Álvaro de Campos hai que lle facer caso a medias.