Os concellos non adoitan fallar

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

DENÍS E. F.

09 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os concellos non teñen agora competencias en materia sanitaria. Non obstante, nesta desgraza colectiva estanse dedicando desde o primeiro momento, intensamente e en silencio, a atender os colectivos máis desfavorecidos, a paliar a crise dos pequenos negocios e a mobilizar os recursos asistenciais. É unha administración que está na primeira liña e non soe fallar.

Mentres tanto, asistimos perplexos e fartos a excesos verbais e inculpacións en torno a un tema dunha gravidade extrema que case ninguén estaba preparado para xestionar. Os cidadáns sufrintes poderiamos entendelo, pero necesitamos confiar nos políticos. Por que o fan? É acaso unha pantomima ou é así a política? Os portugueses téñeno claro, nós teremos que consultar o dicionario.

A Galicia territorialmente dual, concentrada e dispersa, dotada de boas infraestruturas, funcionou ben nesta pandemia; moitos urbanitas refuxiáronse nos lugares de procedencia, o que probablemente axudou ao control do contaxio. Mais non é necesario poñerse transcendental para saber que algo ten que cambiar, e isto induce a recapacitar sobre a necesidade de procurar outros vectores de actividade económica. Quizais o novo Xacobeo do que se fala podería facelos viables, contando cos municipios, máis alá dos eventos e da excedentaria hostalería.

Algúns alcaldes poden ter a tentación de pensar que este desastre é pasaxeiro e que o desexable sería que as cidades volveran canto antes a ruxir, cos seus problemas endémicos de contaminación, especulación desmedida, tráfico, carga turística, aos que teñen que dedicar ata a extenuación o seu tempo e recursos. Nos anos 80, co impulso da democracia e dos fondos europeos, creáronse as autonomías e reformáronse as cidades. Penso que antes de que a nova normalidade nos impoña as regras, cada un por libre con metacrilato polo medio en vez de mudar os hábitos, as cidades poderían acometer reformas en aspectos da súa morfoloxía e da convivencia.

Temas como a concertación do transporte público e privado e a reforma do espazo comunitario; a cooperación real cos municipios da contorna estimulando, entre outras cousas, os activos agroalimentarios; a solidariedade coas urbes que quedaron atrás; unha nova concepción da vivenda que tome en conta esta situación, tal como propón o arquitecto Salvador Fraga; o desafío da atención aos maiores, vellos e anciáns e o papel da sanidade de nivel primario, ou o impulso da investigación no contexto do trinomio universidade, cidade e empresa. En fin, que a Xunta e as cidades galegas dean un paso en común. Agradeceriámosllo.