Transferencias: mulleres «pneumáticas»

Silvia Pérez Freire SOCIÓLOGA, FEMINISTA E DOCENTE

OPINIÓN

03 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Segue a resultar moi curioso como cambian as tornas cando o asunto a tratar toca de maneira transversal o xénero dunha cuestión. De feito, case todo ten que ver co xénero, pero non queremos velo: quizais o problema xa parte desa mirada fragmentada onde se segue a entender este tema coma se fose un apéndice, unha parte dun todo, esa parte á que se lle dá espazo de cando en vez para cumprir a cota establecida. Agora nin tan sequera iso: négasenos a problemática... porque si, o xénero segue a ser iso para moita xente, unha cuestión complicada, incómoda e difícil de afrontar. Por que, se responde a unha lóxica esmagadora, se é de xustiza social non deixar de lado a ninguén, por que sendo tantas seguimos a ser «minoría» en todo?

Existen moitos mecanismos polos que socialmente se seguen a reproducir e perpetuar as desigualdades por razón de xénero. Eu vou traer aquí dous exemplos sobradamente coñecidos, pero que me veñen moi acaídos para o que vos quero transmitir. 1), a diferente vara de medir segundo o suxeito da acción (apliquen ao mesmo feito, á mesma situación, un cambio de sexo, e comprobemos a súa distinción na valoración social). E 2), a transferencia de responsabilidade -o suxeito activo dun feito traslada a culpabilidade a quen padece as súas consecuencias-. A estes mecanismos engadamos confusións varias, falta de coñecemento real e ben dimensionado dos fenómenos sociais, pouca empatía respecto a todo o que non nos toque de cerca e, sobre todo, soberbia, nalgúns casos moita soberbia.

Como resultado disto obteremos diferentes graos de torpeza, que van dende o máis extremo, como é o da política conservadora-liberal que nega, secunda e/ou silencia a violencia estrutural que sufrimos as mulleres dende tempos inmemoriais, e que afecta a todos os sistemas -facendo posible a xustificación e amparo social imprescindible para que se sigan a producir asasinatos de mulleres en mans das súas parellas e/ou exparellas: elas xa estaban confinadas dende antes do coronavirus, para quen é algo novo é para os agresores-, ata aquelas persoas dalgunhas esquerdas que seguen sen entender que esa estruturalidade toca todos os estamentos da organización social, a sexual tamén. Por iso segue sen apreciarse a prostitución como violencia de xénero, e a responsabilidade da acción trasládase á oferta (mulleres) en vez de cuestionarse á demanda (homes). Resulta que para moitas persoas, non só no mundo feliz de Huxley, as mulleres somos «pneumáticas», leña ás monas que somos de goma.