Telemedir a febre

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

EDGAR SU | Reuters

12 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Infelizmente, neste intre todo o referente á pandemia é ben acaído. Velaí a medición da temperatura corporal a distancia e as advertencias dos profesionais das telecomunicacións sobre pormenores críticos desa tarefa.

Como en todos os momentos de urxencia, hoxe tamén hai persoas e organizacións dispostas a venderen a banha da cobra, como din os portugueses: o ungüento máxico. Máis, para determinar se alguén que accede a un lugar pechado ten febre non vale tal maxia senón a tecnoloxía. De inicio cómpre ter en conta que a pel humana ten boa emisividade da calor; porén o aire ten unha transmisividade que depende das súas condicións. Hai zonas do corpo que indican infaliblemente se hai febre mais non se pode telemedir con precisión a súa temperatura salvo se o ambiente entre a persoa e o sensor é adecuado.

Que convén medir para acertar? O mellor, dous pequenísimos elementos da faciana: os lacrimais. Para iso é necesario que as cámaras térmicas estean perfectamente enfocadas a esa parte do rostro de cada individuo entrante e non se despisten con fondos térmicos como pode ser a porta de entrada, quizais acceso a unha zona quente. Ou sexa: alén de bos equipos e mellor tratamento de datos, instalación e disciplina son constantes a integrar sen falta na ecuación da medida fiable.