Setembro

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

X. ESTÉVEZ

12 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Setembro sempre é evocador. O verán treme docemente cara a súa fin, como escribía Herman Hesse no poema musicado por un Richard Strauss octoxenario nun dos lieder máis fermosos da historia da música. A luz decadente vai dourando os muros e os lugares, mentres as sombras se converten en activos principais da conformación da paisaxe.

Este ano setembro soa a saudade, a certa melancolía. Tería que anunciar tamén un desexo, como invitando a remontarnos cara ao porvir para saír desta situación mórbida, abandonando a escuridade dun presente que, sen vacina, induce á desesperanza.

Nestas circunstancias as cidades pódense volver claustrófobas e séntese o impulso de fuxir na busca do mar salvaxe, de horizontes perdidos, das perspectivas abertas e múltiples das ondas en movemento perpetuo que enchen de espuma as rompentes pétreas ou lamben as praias que van quedando despoboadas. Ao camiñar polas sendas dos cabos e as vereas que flanquean o litoral, nós mesmos imos creando paisaxes inéditas e mutantes, cheas de estímulos sensoriais que hai que deterse a percibir. As luces que tremelucen sobre as quietas areas da baixamar, o bruar da auga que se precipita nas furnas, a vexetación das dunas interrompida, de cando en vez, polo curso dun regato ou o ton máis vivo dunha viña ou un milleiral, a bicharía e os paxaros, que parecen donos do hábitat. A cara descuberta, en soidade ou en parella, en silencio ou conversando, no esforzo da subida ao sol ou na pausa dun relanzo sombreado onde facer un pícnic ou ler un poema na pantalla do teléfono. Todo incita á curiosidade, á observación, mesmo a tomar notas sobre o que nos vai saíndo ao paso. O interese peripatético en Galicia aínda é escaso, non está en consonancia coa beleza que nos circunda. É raro cruzarse con outras persoas e saudar de medio lado, xogando a recoñecerse tras o anteface e botando de menos os abrazos frustrados, os afectos non transmitidos.

A sociedade estase repregando sobre si mesma e interrógase sobre a inquietude secular do binomio individuo e sociedade. Non sei o que vai cambiar a partir de agora, en todo caso será o que nos propoñamos. O mundo ten necesidade comprensible de recuperar o tempo perdido e, evidentemente, poñeranse os motores a funcionar a pleno pulmón, por iso alguén ten que estar pensando en como poñernos de acordo para que a voracidade da recuperación non poña en cuestión o que tiñamos avanzado en materia paisaxística e ambiental. É difícil, pero haino que facer agora.