A derradeira lección do mestre

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

24 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Titulo este artigo co texto que Castelao puxo, en 1937, no extraordinario debuxo-homenaxe aos mestres republicanos asasinados na represión franquista. Ata agora esas cinco palabras, sonoras e rítmicas coma un verso épico, facíanme visualizar imaxes distintas, pero igualmente emotivas: a que pode ser a mellor estampa de guerra de Castelao e referente obrigado no debuxo de guerra en Europa; e as da escena final da película Esta terra é miña, dirixida por Jean Renoir en 1943, na que un mestre de escola a piques de ser detido e fusilado por militares nazis, fala por última vez aos alumnos: «Sei que xa non darei máis clases e como a lección de hoxe será moi breve, escollín un bo libro. O que ides oír escribírono grandes homes unha noite de entusiasmo, hai 150 anos. Eran homes de diferente condición. Habíaos prósperos e pobres, relixiosos, comerciantes… E non entraron en polémica. Acadaron o acordo aquela noite marabillosa. Outros homes quererán destruír este libro e pode que acabe no lume; pero non o borrarán da vosa memoria. Recordarédelo sempre. Velaí a vosa enorme importancia. Sodes o novo país». E le, artigo a artigo, a Declaración dos Dereitos Humanos.

Desde o día 16 o texto do debuxo de Castelao recórdame tamén a Samuel Paty, o profesor morto e decapitado en Francia por un rapaz de 18 anos, dunha familia de refuxiados chechenos, fanatizado polo integrismo islamita. O profesor Paty tiña 47 anos, muller e un neno de cinco.

En Francia segue vixente a proposta pedagóxica de Constantin Freinet, nos anos trinta do pasado século, para que a escola saia ao encontro da vida. Iso supón que a práctica educativa debe ser participativa, aberta e crítica; e a relación entre o profesor e o alumno fluída abondo para que os rapaces se sintan protagonistas do seu proceso educativo.

Era a do profesor Paty, a quen os alumnos describen como un home ledo e próximo, que se sentía orgulloso deles, animábaos a mellorar e facía interesantes e amenas as materias que impartía: xeografía, historia e educación moral e cívica. A comezos de outubro, nunha clase sobre a liberdade de expresión, dispoñíase a mostrar as viñetas alusivas a Mahoma, publicadas na revista Charlie Hebdo, en 2015, que causaran un brutal atentado islamita, e, respectuoso cos alumnos musulmáns, autorizounos a saír da aula se desexaban facelo. Era unha lección práctica de «educación cívica e moral», que o fanatismo islamita non entendeu.

O pai dunha alumna colgou nas redes sociais vídeos descualificando ao docente. Un membro do consello de imáns de Francia, coñecido polo seu radicalismo, esixiu á directora do centro escolar o despido de Pati e chamou á mobilización para conseguilo. Foi un linchamento público que Gabriel Attal, portavoz do Goberno, denunciou a través da televisión.

O asasino fotografou o cadáver decapitado e colgou en Twitter a imaxe cunha mensaxe dirixida ao presidente Macron: «Executei a un dos teus cans do inferno que ousou rebaixar a Mahoma». Todo é horrendo. O grotesco é que os crimes islamitas se cometan en nome de «Alá o Misericordioso».