Oportunidade perdida

Ana Pontón PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

OPINIÓN

25 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O orzamento é, posibelmente, a decisión anual máis importante dun goberno porque traduce a cifras as súas prioridades e retrata a que destina os cartos públicos. Acertar nesa folla de ruta no medio dunha crise é vital para non terminar á deriva, como navío sen rumbo. Pero, neste sentido, as contas do Goberno de Feijoo son unha oportunidade perdida para poñer en marcha cambios estruturais no tecido económico e erguer Galiza.

Son unha oportunidade perdida porque nin no medio dunha pandemia o presidente da Xunta renuncia á propaganda e, cun breve repaso á hemeroteca, tropezamos con que tamén as contas de 2019 eran un fito de gasto en sanidade, educación e servizos sociais, co mesmo titular de autobombo que repite estes días.

Pero a realidade detrás da propaganda é outra: unha atención primaria no chasis, un modelo de coidado de maiores privatizado, un ensino marcado pola fenda dixital, a precariedade laboral nos servizos públicos básicos, sectores económicos ao borde do abismo. E para todo isto, os orzamentos supoñen pouco máis que unhas pingas no medio do deserto que deixa unha década de recortes e de falta de impulso á economía.

Son unha oportunidade perdida porque non responden a un proxecto de país, non poñen as bases para un novo modelo de economía verde e sustentábel baseado na ciencia, na investigación, no coñecemento e na necesidade de articular un sector industrial potente. Por contra, son continuistas e rutineiros sen entender que a pandemia marcou un antes e un despois e que non só é urxente erguer Galiza senón poñer as bases dun novo modelo económico de futuro, capaz de xerar riqueza e emprego desde a igualdade e a equidade social e ambiental.

Son unha oportunidade perdida porque os fondos extraordinarios permiten un incremento do gasto en 2021, pero de xeito puntual, e servirán para cubrir necesidades perentorias derivadas da crise, pero necesítase moito máis para poñer en marcha proxectos estratéxicos que aproveiten todas as potencialidades que ten Galiza. E cando esa vía se esgote? Moi simple: haberá menos recursos, pero as necesidades seguirán sendo as mesmas sen que se teña aproveitado ese financiamento extra para poñer o país a producir e modernizalo.

E son unha oportunidade perdida para fraguar un gran acordo político no Parlamento a favor de Galiza, porque Feijoo ningunea a estratexia de reactivación económica, social e cultural que debe elaborar a Cámara galega cando reserva para tal fin menos dun 1 %, do orzamento e, de paso, deixa claro que o seu interese por grandes acordos apenas pasa dun xesto de cara á galería.

En todo caso, o BNG non se rende. Galiza ten un enorme potencial e podemos ser a envexa de Europa se tomamos as decisións acertadas. Con esa vontade traballaremos na tramitación parlamentaria, coa man tendida e para sumar a favor dos galegos e das galegas co obxectivo de sacar adiante o país.