Bailaré sobre tu tumba

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

DAVID ZORRAKINO - EUROPA PRESS

23 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Matar hippies en las Cíes», «Alégrame el día, torero», «God save the Queen, her fascist regime», letras irreverentes, ofensivas, que cruzaron as lindes do bo gusto e do respecto. En España a liberdade de expresión está consagrada con largueza na súa Constitución sen máis límites que o dereito ao honor, á intimidade, á propia imaxe e á protección da mocidade e da infancia. É de feito un piar da democracia do 1978 como consecuencia da experiencia do franquismo e dos esforzos para superar os límites á liberdade de opinión que sufriron quen viviron a ditadura e fixeron a Constitución. En Alemaña, con outra historia, a liberdade de expresión está coutada para a extrema dereita porque lembran onde os levaron os discursos de Goebbles e Hitler. Aquí, con razón, parécenos unha comedia esa rapariga de camisa azul falando da División Azul, pero cando escoitamos a un militar cambia o conto, aínda que non sexa 23-F. Nos países de tradición liberal anglosaxona non hai límites, a liberdade de expresarse só serve enteira. Por moito que aos veteranos de Normandía lles fervera o sangue cando os seus fillos punks encheron as cazadoras de cruces gamadas penduradas de imperdibles, imitando aos Sex Pistols.

 

A violencia vandálica destes dias non é nova, acompaña aos tempos conflitivos e incertos. Quen se asombre debera ler os traballos de historiadoras como Sophie Baby ou González Calleja sobre a Transición. É incuestionable que non hai avances democráticos sen mobilización social: pura historia contemporánea. Tamén que rebentadores, provocadores e infiltrados poden manexar a violencia na rúas para buscar resultados diferentes dos esperados. Por iso a política e non o espontaneismo define as mobilizacións que trunfan. Podemos remontarnos aos Irmandiños: pura historia. O novo é a inxenuidade con que algúns sectores políticos e sociais reaccionan fronte aos grupos que noite tras noite arrasan rúas de cidades, como se a violencia tivera en si mesma un efecto político. Vendo algunhas declaracións, silencios e redes socias diríase que, cun misticismo case relixioso, algúns padecen a síndrome do culto á violencia. Tampouco iso é novo, pero resulta asombroso a estas alturas, cando sabemos que o culto á violencia é un dos rasgos do fascismo. Antes de 1923 houbera, si, violencia revolucionaria en Europa -non hai que remontarse á francesa-, pero nunca despois de que o fascismo manexara a violencia con e fronte ás masas para chegar ao poder. Tamén para isto hai historiadores aos que ler, Núñez Seixas en Imperios de muerte ou o recente libro de Julián Casanova, Violencia indómita. Se os que se pensan situados na esquerda queren saber onde dá a volta o aire, ademais de a Torrente Ballester deben ler a Antonio Scurati: M. O home do século.