Socioloxía da vida: as mulleres como sementes dun mundo mellor

OPINIÓN

María José López

09 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un principio fundamental en socioloxía coñécese como o teorema de Thomas e o seu enunciado dinos que se unha persoa define as situacións como reais, estas son reais nas súas consecuencias. Vén a reflectir a capacidade que temos para adecuar a nosa conduta a calquera situación e como o grupo pode converter en reais as situacións que se supoñen como tales. Na educación isto aplícase na chamada profecía autocumprida e sábese que ten un enorme impacto no desenvolvemento das capacidades dos nenos e, sobre todo, das nenas. Proxecta convencemento e confianza nun bo resultado e estarás potenciando que efectivamente se realice. E por que digo especialmente das nenas? Pois porque tamén nas expectativas existen estereotipos de xénero, ou que pensamos, que o que unha sociedade espera de alguén na vida ou no traballo é neutro? Non ten sexo? Pois si que o ten, e por iso non podemos perder de vista o contexto e todo o que fai posible que algo se perciba como realizable, como mellorable, como necesario.

Nestes tempos de pandemia as mulleres sufrimos a precariedade da vida en xeral e nalgúns aspectos houbo un retroceso tan relevante que non podemos aínda calibrar o impacto que padeceremos no futuro máis próximo respecto dos nosos dereitos e oportunidades; tampouco cales serán as dificultades que teremos para recuperar as mesmas cotas de igualdade que tiñamos antes desta situación. Ante esta grave crise da vida que estamos a padecer, que se vai esperar das mulleres? Dirannos que baixemos as nosas expectativas? Os homes estarán connosco nesta loita, por fin? Ou todo cambiará para que todo siga igual? Ou peor, dexenerarase? Quizais máis ca nunca, o feminismo e a súa vindicación é e será unha semente na construción de xustiza social e o 8M é o día para non esquecernos de nós... para darnos o noso sitio, para sermos herdeiras de moitas loitas que non nos tocaron vivir e que esperamos non teñan que repetir as que nos sigan... as vindeiras. A vida no centro e a sororidade en tod@s.