
Falamos do club de baloncesto que vén de facer medio século, non da praza máis famosa e antiga da península. Estamos necesitados de boas novas. As épocas de incerteza coma esta da pandemia que vivimos son pródigas en facer aparecer o peor de nós, dalgúns de nós. Os tempos da peste son de mercado negro, rumores falsos e medo ao futuro, nos que os oportunistas e amorais poden enriquecerse e ocupar lugares de poder aos que nunca terían chegado en tempos menos extraordinarios. Coma nas guerras e os naufraxios, tamén agora aparecen psicópatas camuflados de sabios, dos que ven abuso na necesidade, aproveitados nos náufragos e estupidez na humanidade da Cruz Vermella. Por iso, para deixalos en evidencia na súa ruindade, hai que deixarse guiar por Albert Camus para identificar a extraordinaria normalidade humana.
Seica o 98 por cen dos aboados do club de baloncesto Obradoiro, mantiveron as súas cotas ao longo deste ano. Debe contarse e merece valorarse. Ao longo de toda a tempada as canchas estiveron pechadas e os equipos disputaron a liga sen público. O ano pasado suspendeuse a competición cando o confinamento, polo que hai máis dun ano que os afeccionados non poden ver xogar aos seus equipos. Moitos dos xogadores e corpo técnico do Obra sufriron a doenza, algúns por longo tempo, pero o equipo revalidou posto na ACB e cumpre dez anos na máxima categoría. A semana pasada por fin puidemos cantarlles o Miudiño e animalos no Sar. Pois iso, extraordinaria normalidade. O club deu a oportunidade de devolución a todos os aboados. Calquera puido recuperar o diñeiro despois de tempada e media sen recibir o servizo. Non se comportaron como consumidores perfectos, senón como seareiros, non dominaron os valores de mercado senón os do deporte. A emoción, a comprensión, a adhesión, predominaron. O apoio ao colectivo demostrouse máis forte. Seguro que a moitos máis dese 2 % lles viría ben recuperar a cota, por necesidade, por interese, porque tiñan mellores alternativas para ese gasto. Nin o presente nin o futuro pintan certos. Os datos están aí. O asunto ben sei que ten máis explicacións, que con isto non se esgotan os argumentos, pero certo é que o colectivo primou sobre o individual. Logo está o intento, fracasado polo momento, de facer unha exclusiva Liga europea de fútbol. O que aconteceu dá para unha clase de historia social e cultural. Os ingleses provocaron un conflito, debateron, pararon autobuses, pediron explicacións aos responsables dos clubs; falou a política, a épica e a protesta. En Italia insultáronse os dirixentes. En España, moito cinismo, silencio e mesmo vitimismo dos promotores; a política pediu consenso e respecto ás normas; moito pesebrismo e o que diga Florentino, que foi ao xulgado pedir axuda. Os clubs de Alemaña nin estaban.