
O XXI é o século das tecnoloxías. Delas derivan múltiples artefactos que nos axudan a vivir, a enfrontarnos ao cambio climático ou a unha pandemia. O reverso da moeda é que os dispositivos intelixentes, xunto á profusión de normas que tenden a regulalo todo, poden inducir a ser pasivos, irreflexivos.
Deixando aparte os anglicismos coas partículas ciber e net, o novo vocabulario é copioso e cambiante: automatismo, dixital, algoritmo, intelixencia artificial, domótica, mapear, fotovoltaico, renovable… Falta algún termo que signifique domesticar a tecnoloxía, subordinala á nosa intelixencia para utilizar aquelas aplicacións que sexan necesarias e racionais.
O avance da tecnoloxía e a práctica da arquitectura están, en certa medida, desacompasados. Cando proxecta, o arquitecto non pode perder de vista o contexto e o cotexto no que traballa, sexa rúa, edificio, monumento ou paisaxe, observando sempre os quefaceres dos cidadáns. A arquitectura necesita tempo para a reflexión, para inserir as tecnoloxías como elementos substantivos do deseño e, en todo caso, como recursos útiles, e non deixarse levar polas patentes do mercado.
As instalacións, por exemplo, son elementos críticos no deseño arquitectónico, que se poden deixar á vista dándolles unha cualidade orgánica, de vísceras, ou ocultalas. Este é un dilema presente sobre todo nos proxectos patrimoniais e debe resolverse con humildade, con solucións flexibles e reversibles, contando con que os avances nos campos electromagnéticos permitan minimizalas. Neste tema o futuro está ás portas.
En cambio, o deseño dos vehículos de transporte terrestre, aéreo ou marítimo está a lograr bos resultados no aforro enerxético, na ergonomía e tamén na estética, colocando os seus produtos na vangarda e conseguindo mellor aceptación.
Todo aquilo que se propón permanecer no tempo, envellecendo lentamente, como é o caso da arquitectura, ten que buscar a eficiencia, o benestar e, como non, a beleza. Como acontece coas outras belas artes, a arquitectura de calidade pode ser impugnada nun primeiro momento, pero logo deslízase a través do tempo adquirindo unha especie de certificado patrimonial.
Nas novas xeracións hai arquitectos que traballan ben; véxase a relación de nomes galegos entre os premiados tanto na Bienal española como nos FAD. Para facer boa arquitectura teñen, temos o desafío de contextualizar o proxecto: contorno, artefactos, usos, administración, eficiencia. E iso leva tempo.