Gumersindo Sánchez Guisande

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

31 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai actores e actrices que se consagran coa excelencia das súas interpretacións e, dun día para outro, produtores e directores deixan de contar con eles e quedan no esquecemento. Pois no gran teatro do mundo pasa o mesmo e persoas cunha traxectoria persoal e profesional exemplares, que por bonhomía e saber gañaron o respecto e o afecto do próximo, deixan de seren protagonistas, convértense en secundarios e, xa mortos, son recordados como simples figurantes. Algo así pasa co médico compostelán Gumersindo Sánchez Guisande, exiliado en Buenos Aires e coñecido no mundo do galeguismo por ser quen embalsamou a Castelao, e pouco máis. E non será porque non se publicasen traballos documentados sobre a súa interesantísima biografía e o labor que realizou como clínico en España e Arxentina. Hainos e moi bos, pero o noso paisano non será popular ata que algún realizador de TV teña a feliz idea de facelo protagonista dunha serie. Engado non lle falta, como tentarei probar na brevidade deste artigo, semellante a un retrato con poucas liñas.

Gumersindo Sánchez Guisande naceu en Compostela, en 1892; licenciouse en Medicina, con Premio Extraordinario, en 1915; en 1923 obtivo a cátedra de Técnica Anatómica na Universidade de Sevilla e en 1928 a de Anatomía Descriptiva na Universidade de Zaragoza. Tres anos antes casara con Elisa Fernández de la Vega Lombán, médica tamén e, con Jimena, a súa xemela, as primeiras mulleres que obtiveron unha licenciatura na Universidade de Santiago, coas máximas cualificacións, ademais. Eran fillas do médico Wenceslao Fernández de la Vega Pasarín, natural de Castroverde, fundador e director do Balneario de Guitiriz.

Xa en Santiago mostrara Sánchez Guisande a preocupación pola infancia desprotexida, con iniciativas altruístas que repetiu en Sevilla, onde foi coñecido como «el médico de los pobres» e inventou un biberón dosificador e un xabón para meniños; pero sería en Zaragoza onde acadaría prestixio como profesor, pediatra e intelectual metido a político. Sendo decano da Facultade de Medicina, arranxou cursos innovadores sobre embrioloxía e anatomía; e coa muller -profesora universitaria e médica volcada no mundo rural-, abordou publicamente os problemas das nais solteiras e dos nenos expósitos. Viúvo e con tres fillos desde 1933, entrou en política e sendo concelleiro por Izquierda Republicana fundou o Hostal para Mendigos. En 1935 era membro da Association Internationale pour la protection de l’Enfance, presidiu o Congreso Internacional de Anatomía Luso Hispano Americano e exerceu de médico no Dispensario Antituberculoso e nos Servizos de Hixiene Infantil da Inspección Provincial de Sanidade.

Salvar a vida despois do alzamento militar foi unha aventura, pero o 31 de outubro de 1936 chegou a Buenos Aires onde, malia a ampla formación de médico e exercer no Centro Galego, houbo de matricularse na universidade, asistir ás clases, sen conseguir validar o título ata marzo de 1939. Despois defendeu unha nova tese doutoral, foi catedrático de Anatomía na Universidade de Mendoza e promoveu a creación de institucións asistenciais e benéficas ata que morreu, en 1976. O día 2 de agosto cumpriría anos, ocasión para recordar que foi o embalsamador de Castelao e moito máis.