
Tendemos a ver a doña Emilia como unha privilexiada e como unha triunfadora: nace nunha familia de clase alta, con diñeiro, e liberal nas súas ideas; consegue ocupar postos na sociedade inusitados para unha muller: presidenta da sección literaria do Ateneo de Madrid, catedrática de universidade, directora e editora de publicacións periódicas, convidada a institucións estranxeiras do máis alto nivel (por exemplo, a sala Charras de París).
Consegue polos seus méritos literarios o título de condesa de Pardo Bazán (o do seu pai era un título pontificio)…
A pesar diso, non foi un camiño de rosas, e doña Emilia sufriuno con dor. Nun dos seus artigos de La vida contemporánea, publicado en marzo de 1906, dío claramente: «En los comienzos de la vida literaria existe cierta fraternidad (…) las relaciones son francas, cordiales. Pero a medida que pasa el tiempo, lo que brota en el campo arado por el esfuerzo y regado por el sudor es la cizaña de la discordia y los abrojos del odio, quizás del despecho y de la envidia».
En 1912, por boca da protagonista de Dulce Dueño, dános o seu resumo do que lle esperaba a unha muller que se dedicase á literatura: «¡Literata! No me meteré en tal avispero. ¿Pasar la vida entre el ridículo si se fracasa, y entre la hostilidad si se triunfa?».
As críticas e as cartas privadas de Clarín, a partires de 1987, son un bo exemplo dese odio, como o son de hostilidade e burla as cartas de Menéndez Pelayo, Valera, Pereda ou Palacio Valdés.
Cen anos despois da súa morte, ao evocar a súa memoria, predominan os loureiros, pero entre eles seguen aparecendo restos daquela cizaña e daqueles abrojos que a torturaron en vida.