Poesía do exilio

OPINIÓN

15 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Colección Visor (Madrid), fundamental na edición de poesía en España, publicou hai meses un grosísimo volume (1.044 páxinas) co título Memoria del olvido. Poetas del exilio republicano español de 1939, compilación da que é responsable o profesor José-Ramón López García (Barcelona), recoñecido exiliólogo e codirector de GEXEL (Grupo de Estudios del Exilio Literario). Compilador e antólogo asemade, ofrécenos textos de cen poetas, proba moi elocuente do talento literario que formulou as súas mágoas, as súas carraxes ou as súas esperanzas na forzada diáspora.

Ábrese este frondoso volume cun verso de Antonio Machado, o primeiro e o último que escribiu no exilio (Collioure, Francia), días antes do 22 de febreiro de 1939, data do seu pasamento: «Estos días azules y este sol de la infancia». Tal alexandrino tamén abre o capítulo I, que o antólogo titula Retirada, Campos [de concentración], Travesías. Nos outros capítulos, seis máis, atopámonos con títulos coma estes: La guerra no ha terminado, Patria y ausencia, Las palabras del regreso... Titúlase o derradeiro El exilio heredado, protagonizado polos versos dos descendentes daquel xigantesco éxodo que tan dramaticamente retratou León Felipe nos seus poemas.

Abundan nesta esencial escolma os textos dalgunhas grandes voces poéticas (Juan Ramón Jiménez, Rafael Alberti, Luis Cernuda, Pedro Salinas...) e tamén abundan os poemas de voces moi importantes (Juan Rejano, Manuel Altolaguirre, José Bergamín, María Zambrano, Pedro Garfias, José Moreno Villa...); sorprende o número elevado de escritores moi pouco coñecidos, case sempre ausentes doutras antoloxías (Celso Amieva, Jorge Semprún, Joaquín Casalduero, Josefina Pla, Marina Romero...). Esta antoloxía é un fito.

Das voces galegas (Ángel Lázaro, Eugenio Granell, Rafael Dieste, Alejandro Finisterre, Arturo Cuadrado), a máis significativa no espírito desta escolma é a de Lorenzo Varela, da que o antólogo non omite Ofrenda a los franceses (1944), canto no que o autor agasalla aos liberadores de París cunha palabra da terra monterrosina da súa estirpe, o topónimo Cairón.