O premio Blanco Amor

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

DIPUTACIÓN DE OURENSE

05 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A min tocoume Mugardos. Van aló ­39 anos. Teño una memoria confusa daquela tardiña, co salón cheo de xente, Torrente Ballester presidindo o xurado, os amigos desprazados dende Santiago e Vigo. Era a segunda convocatoria do premio que se estreou con Daniel Cortezón (A vila sulagada, 1981) e continúa agora con Blanca Riestra (Aquí empeza o mar), que a miña amiga Mercedes Corbillón, compoñente do xurado, di que é unha marabilla de novela. Catro décadas de narrativa que, olladas coa perspectiva do tempo, xunto co Premio Xerais (1984) e o García Barros (1989), conforman un rico e moi representativo mosaico do xénero. 

Era o primeiro ano da autonomía. Dende algúns meses antes, no ámbito editorial viña falándose da necesidade de vencellar o nome de Eduardo Blanco Amor a algún acontecemento cultural ou literario que perpetuase a súa memoria. O escritor falecera en Vigo en decembro de 1979. Ben me lembro daquelas conversas, que comezaron no concello de Redondela, da man de Xosé González e Xaime Rei, alcalde da vila. A idea consistía en reunir o maior número posible de corporacións locais, de xeito que, por riba de etiquetas ideolóxicas, achegando unha pequena cantidade económica (35.000 pesetas), entre todas puidesen acadar unha suma ambiciosa para un premio destas características. Era a primeira vez que se poñía en marcha unha iniciativa deste tipo. O seu principal valor, en opinión de moitos, radicaba na súa condición solidaria e integradora, alén de diferenzas políticas. Unha parte do orzamento asignábase ao libro e outra parte á difusión da obra de Blanco Amor. Tal era o espírito do premio. No mellor momento sumáronse case medio cento de concellos de toda Galicia.

Mais o mérito destas iniciativas non é tanto o nacemento como a continuidade. Cada ano elixíase por sorteo a localidade á que correspondía a organización do certame, que era una referencia importante no discurso cultural galego, pero moitos concellos, unha vez que lles pasaba a celebración, retirábanse, e algúns outros, a pouco que mudaron os ventos da política, fóronse dando de baixa ou declinaron o compromiso. Non se trata de dar nomes. Están na mente de moitos de nós. Grazas á intelixencia política da Deputación de Ourense, que se fixo cargo da organización e financiamento cando o premio pasaba polas maiores dificultades, a memoria literaria de Eduardo Blanco Amor continúa, e a nómina de autores e autoras enriquécese cada ano. Auria, o territorio literario do escritor, mantén viva a lembranza dun dos seus fillos máis ilustres. Mágoa que se perdese aquel espírito inicial de integración e solidariedade, do que tanto seguimos necesitando. Mérito da corporación que soubo comprender a significación dun dos autores máis sobranceiros do noso tempo, e demérito dos que, extraviados nas cativas miserias, non souberon manter o rumbo cando cumpría facelo.