Mira arriba, e dispara

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

YVES HERMAN | Reuters

06 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo estará finiquitado cando lle dean o Nobel de Medicina a Paz Padilla, que expuxo con donaire a súa teoría sobre o virus nun directo de Instagram pensado para que as señoras decidan se vacinan os fillos e a si mesmas. A ver, non son eu tan exquisita como para non decatarme de que, desde hai dous anos, hai unha potencial epidemióloga en cada unha de nós, pero é que Padilla merece o Nobel coas súas descubertas: as vacinas non valen porque a súa proteína Spider (araña), que vén do sitio ese onde comezou todo, Cuján, non cabe na variante oritrón. No vídeo, María del Monte obsérvaa con indescriptible expresión. Anne Igartiburu, coa ollada de quen mesturou Couldina con gin-tónics, asente todo o tempo, facendo valer, de paso, a miña teoría de que as presentadoras pasan de nós cando imos á tele falar das nosas movidas. Ou será que Anne tamén persegue o Nobel?

Si, estará todo feito ese día en que calquera estrela do prime time dea o seu discurso ante o rei de Suecia. Será a nosa culminación como especie experta en extinguirse. Primeiro foron os negacionistas do franquismo, logo os da crise, despois os do virus, e agora os negacionistas das vacinas. Dentro de nada, coma no último éxito de Netflix, virán os negacionistas dun cometa hiperdestrutor e visíbel con só mirar arriba. Pero non miramos, nin escoitamos. Só esbardallamos e nos deixamos ir ás tolas e agresivamente, de xeito que, se mirásemos arriba para ver a verdade, non faríamos outra cousa que matarnos entre nós por pegar tiros sen ver onde.

Somos tan parvos que merecemos que oritrón acabe coa especie e a civilización se refunde grazas ás arañas, que polo menos son máis organizadas cá Central de Seguimento de Contaxios do Sergas.