Rusia: por que, por que, por que?

Ramón Villares CATEDRÁTICO DE HISTORIA CONTEMPORÁNEA

OPINIÓN

SERGEY KOZLOV

26 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos tempos de entreguerras era moi popular a defensa da antiga cidade prusiana de Dantzig e do seu «corredor» polonés, fronte ao expansionismo nazi, que finalmente se concretou na invasión de Polonia, pactada coa URSS, en setembro de 1939. Aquela cidade, unha aldraxe para o nacionalismo alemán, despertou un certo apoio na esquerda intelectual occidental, expresado no berro de «morrer por Dantzig». Algo parecido se percibe na actualidade, coa invasión de Ucraína por parte da Federación Rusa, que suscita en Occidente unha solidariedade que podería interpretarse como unha forma de «morrer por Kiev», simbolizado no movemento da súa praza Maidán.

Certamente, a invasión de Ucraína por parte de Rusia, iniciada na madrugada do xoves, ten unha aparencia de guerra dejá vu. Para xustificar a decisión, o Kremlin ten que acudir a reivindicacións territoriais e maltrato de continxentes de poboación que, por razóns étnicas e culturais, debería formar parte da actual Rusia. Repítese a historia de tantos irredentismos que presenciou Europa durante o século XX. Non é previsible que a acción de Vladimir Putin sexa o principio dunha nova guerra que, por definición, sería mundial. Pero non sería a primeira guerra que comezase de forma incidental. Quen ía pensar que despois do asasinato en Saraxevo do herdeiro do Imperio austro-húngaro embocaría na longa e mortífera guerra de 1914.

Sen facermos cábalas sobre o que pode acontecer, será máis pertinente preguntarse pola lóxica que está no fondo desta acción militar sobre un territorio que corresponde a un estado independente. Que pertencese á vella URSS non significa que a Rusia actual teña títulos de propiedade sobre el, como tampouco os terían Austria ou Hungría, herdeiras dun imperio que gobernou durante século e medio, a antiga Galitzia e outras partes de Ucraína. Entre as moitas explicacións que se poderán encontrar á invasión de Ucraína, unha das máis importantes ten que ver coa seguridade territorial e coa importancia das fronteiras. Estender a man de Occidente e da OTAN ata os límites da longa fronteira ruso-ucraína é un desafío para Rusia.

Nun diálogo cun oficial, culto e experimentado, da academia militar soviética Frunze, a exiliada Carmen Parga conta que unha das razóns máis decisivas para que un estado «popular e socialista» fose viable era pertencer ao espazo de influencia da URSS. Aplicado á Guerra Civil española, isto significaba que a derrota republicana en 1939 tamén se debía a que «non tiñamos fronteira común» coa URSS. Triste e pouco solidaria interpretación, que aquela comunista galega acabaría por comprender cando xa estaba en México. Ucraína non é o único país que ten fronteira coa Rusia actual, pero é o máis importante dos seus veciños e o máis vinculado á estratexia rusa de expansión territorial cara ao «quente» mar Negro. Garantir a seguridade da fronteira está gravado no ADN da cultura política rusa, antes e despois de ser soviética. E Putin representa esa historia, sexa en Moscova ou en Sebastopol.