
Na sesión conxunta das Cortes da pasada semana, o deputado do BNG foi un dos poucos que se negou a aplaudir ao presidente da Ucraína, Volodímir Zelenski. Este xesto é particularmente criticable nas presentes circunstancias, pero non resulta sorprendente. Lembremos que o Bloque emitira un comunicado sobre a situación en Ucraína no que conseguira referirse á agresión da Rusia de Putin sen mencionar nin unha soa vez nin á agresión, nin a Rusia, nin a Putin. Grazas a un maxistral manexo da elipse, despois da lectura do texto cabería pensar que Ucraína está a ser invadida polos alieníxenas.
O comunicado recorda a outro recente alehop retórico do BNG, tras o que xa non se define como «independentista» senón como «soberanista». Un non alcanza a entender a diferenza, pero o que si queda claro é que o soberanismo do Bloque non serve para defender a soberanía e a integridade territorial de Ucraína. Resulta que unha potencia nuclear con ambicións imperiais coloniza un territorio veciño para utilizalo como colchón militar e os soberanistas galegos alíñanse co agresor. Galiza ceibe, Ucraína sometida?
O Bloque e outros esquecen que non houbo maior «proceso de liberación nacional» nas últimas décadas que a emancipación da órbita soviética dos países do centro e o leste de Europa e a súa integración na Unión Europea e na OTAN. O seu anti-atlantismo xustifícao todo, mesmo branquear a responsabilidade do Kremlin.
A radicalidade dos nacionalistas galegos é xa intolerable mesmo para os seus socios en Europa. A eurodeputada letoa Tatjana ?danoka, tradicional aliada do BNG na Eurocámara, tivo que abandonar esta semana o Grupo parlamentario dos Verdes/Alianza Libre Europea por «un desacordo fundamental relacionado coa invasión rusa de Ucraína».
Non sabemos aínda como pode rematar a intervención rusa en Ucraína. Pero mentres que o BNG aproveita a crise para exhibir as súas credenciais ideolóxicas, o Partido Popular é consciente de que os europeos debemos manter unha fronte unida ante o longo e cruel desafío de Putin. A UE debe coordinar as súas respostas cos Estados Unidos e coa OTAN para asegurar a paz e o respecto das normas máis básicas do dereito internacional e da arquitectura europea de seguridade.
É sinxelo equivocarse ás veces en materia de política exterior, onde conflúen intereses e valores moi complexos. O difícil é equivocarse sempre. E a política exterior do BNG toma partido de forma constante por autócratas e criminais, sexa en Rusia, en Siria ou en Nicaragua. Isto é propio dunha formación cegada pola ideoloxía máis radical, que loita contra ditadores mortos e acovárdase ante os vivos.